Os socialistas reclaman garantir o servizo de transporte urbano ao Couto ante o peche do CS Novoa Santos

Os socialistas ourensáns reiteran a súa petición de que o goberno autonómico debe sentarse a falar cos e cas profesionais sanitarios que veñen denunciando, nas últimas semanas, o caos que pode supoñer trasladar doentes do centro de saúde Nóvoa Santos para que sexan atendidos no do barrio do Couto e no Centro de Especialidades de Concejo. “Onte eran os profesionais de Psiquiatría os que rexistraban unha queixa á Xerencia trasladando o seu rechazo á decisión de que a área de Saúde Mental que se atopaba en Concejo pase ao CHUO polo amoreamento que conlevaría dos e das usuarias do servizo”, sinala a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.
Neste senso, as e os socialistas apoian as críticas dos profesionais e lamentan que dende que se iniciou o proxecto para a construción do CIS Nóvoa Santos, no ano 2021, non tiveran tempo de planificar de xeito adecuado a reorganización dos e das profesionais e dos e das doentes para ocasionar os menores inconvenientes posibles. “Dende Psiquiatría advirten de que os cambios implicarán o desmantelamento do hospital de día, do que din que xa contaba cunas instalacións deficientes”, enfatiza a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta que levará unha batería de iniciativas para que o executivo galego consensúe coas partes afectadas a reorganización.
Así mesmo, inciden as e os socialistas en que as obras de derrubamento e a construción das novas instalacións sanitarias pode prolongarse no tempo e avalan os reclamos dos profesionais de Psiquiatría que destacan a estigmatización e discriminación, esquecendo as súas necesidades ao alterar o modelo de asistencia dun xeito radical, improvisado e non consensuado.
Ademais, dende o grupo municipal socialista instan ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a estudar con rigor e poñer en marcha unha modificación e/ou reforzo provisional de liñas de transporte urbano para dar cobertura ao incremento substancial de doentes trasladados ao Centro de Saúde de O Couto. Entenden que é preciso, ante o desprazamento de parte dos e das pacientes, unha reestruturación para que haxa unha parada de autobuses próxima a este edificio, xa que a máis cercana está a uns 200 metros e ante o propio centro non hai sitio para parar e baixar a unha persoa de avanzada idade ou con problemas motrices.
Por outra banda, as e os usuarios do centro de saúde Nóvoa Santos organizaron un encontro aberto ás entidades sociais, á cidadanía, aos e ás profesionais e a representantes institucionais para expresar a súa desconformidade coas decisións adoptadas e informar sobre a recollida de sinaturas que están a levar a cabo. “O Novoa Santos atende a unha poboación de ao redor de 19.000 persoas, que agora se verán obrigados a desprazarse a outros lugares, dependendo do horario de atención que tiveran, e consideramos que isto rompe unha dinámica de saúde que non está a ter en conta a opinión de ningunha das partes afectadas”, afirma a voceira no Concello de Ourense.
O Concello asegura que garantirá a mobilidade
Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome e a concelleira de Saúde, Noa Rouco, recibiron esta mañá no Concello o director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Eloy Sánchez Hernández.
O alcalde informou no de que o Concello ten previsto activar este mesmo ano as novas liñas do servizo de autobuses urbanos e que o novo deseño dará resposta a esta necesidade, garantindo o desprazamento axeitado ás persoas que o precisen.
Na xuntanza, goberno municipal e director da área sanitaria analizaron tamén a situación da Unidade Asistencial de Drogodependencia. Na actualidade, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias manteñen negociacións en relación ás unidades de toda Galicia. No caso da de Ourense, trátase dunha unidade de xestión compartida, xa que se atopa no Complexo Hospitalario de Ourense, dependente da Xunta de Galicia e é atendido por persoal do Concello.
FEGAMP e Xunta valoran actualmente opcións como a posible externalización deste tipo de unidades ou o seu emprazamento fóra dos complexos hospitalarios. Por agora, non se chegou a un acordo, segundo explicou a concelleira de Saúde, Noa Rouco. No caso de Ourense, Sergas e Concello valoran a posibilidade de realizar pequenos cambios nas instalacións actuais.
Dende o Sergas chaman á calma
Dende o Servizo Galego de Saúde piden calma e aseguran que están a traballar xunto cos traballadores e usuarios deste centro para acadar a mellor solución posible e insisten en que non se van trasladar todos os pacientes ao Couto.