Os socialistas reclaman medidas para garantir a implantación do transporte público metropolitano
Grupo Provincial Socialista reclama da Deputación a adopción das medidas oportunas para garantir no curto prazo a implantación dun transporte urbano de viaxeiros que inclúa a todos os concellos da área metropolitana de Ourense. O pedimento foi presentado no Alto do Cumial, no límite entre os concellos de San Cibrao das Viñas e Ourense, xusto onde ten que dar a volta o autobús urbano, onde o voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila, fixo fincapé na “eiva” que supón a actual situación, da que derivan unha serie de “limitacións” e “prexuízos” para a comarca e os seus habitantes. “A implantación do transporte metropolitano é unha demanda histórica do PSdeG-PSOE que o PP, principal factor de bloqueo até o día de hoxe, subscribiu publicamente durante a campaña das autonómicas, polo cal pretendemos arrincar o compromiso da Deputación para a posta en marcha do transporte metropolitano coa maior celeridade posible”, afirmou Vila.
O voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación, quen tamén é alcalde de Taboadela, estaba acompañado de deputados do seu Grupo, ademais do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e concelleiras e concelleiros dalgúns dos municipios concernidos polo transporte metropolitano, coma Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Amoeiro, Coles, Toén, A Peroxa e Punxín. “Os autobuses chegan ata este punto concreto do Alto do Cumial, pero non poden ir máis alá, impedidos de acceso ao Polígono de San Cibrao, que é a area industrial máis importante da provincia e unhas das máis importantes de Galicia”, explicou Vila, xustificando a elección do emprazamento. Segundo este, “as áreas metropolitanas de transporte son unha realidade en Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol e mesmo en Lugo, quedando Ourense relegado, co agravio comparativo que supón con respecto ás demais cidades galegas”. Para Vila, “é o momento de impulsar o transporte metropolitano a través da acción coordinada dos grupos da Deputación, os concellos e a Xunta de Galicia”.
O exemplo de Barbadás
Barbadás é un dos concellos máis afectados pola ausencia do transporte metropolitano. Hai máis dun lustro que Barbadás ten aprobada a normativa para instaurar o transporte metropolitano, que tampouco funciona por mor da inacción do goberno autonómico. “Sufrimos desde hai anos e no 2020 empezamos a aplicar bonificacións ás veciñas e veciños que utilizan o transporte para ver de minimizar os custos repercutidos aos usuarios polo servizo de transporte que dispón a Xunta de Galicia”, aclara Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás. O custe do billete é de 1,55 euros, sufragando o concello descontos do 55% para pensionistas, do 48% para estudantes e do 100% para persoas en risco de exclusión social. “Máis de 215.000 viaxes teñen como orixe ou destino Barbadás, para o cal aplicamos 308.000 bonificacións en 2023, cun custo para as arcas municipais de 93.000 euros”, explicou Valcárcel, quen destacou o desenvolvemento das liñas, avantaxes tarifarias e melloras a nivel de infraestruturas e dotacións que implicaría o transporte metropolitano.
O bloqueo do transporte urbano metropolitano suscita polémica en Ourense cada certo tempo, pero sen que a situación avance, sendo a tónica habitual o cruce de reproches entre diferentes administracións. A Xunta de Galicia ten eludido as súas responsabilidades acusando ao Concello de Ourense de non dispor de máquinas adaptadas nos buses urbanos para o cobro dun servizo destas características. Tras renovar a súa flota de autobuses, na más recente resposta da Consellería de Infraestruturas sinálase que agora o problema é que o contrato do bus urbano en Ourense está caducado, deixando ben ás claras unha absoluta falta de vontade para poñer en marcha o transporte metropolitano. “Por iso resulta tan boa nova a determinación do PP en campaña para resolver dar curso a unha reivindicación con tanto percorrido. É unha moi boa nova sempre e cando a devandita determinación se vexa concretada, co devezo que o anuncio non fose unicamente o resultado dunha estratexia electoralista, apunta Vila.