Os socialistas reclamarán na Deputación máis financiación para a discapacidade intelectual en Ourense

OurenseXa
O grupo provincial presentará unha moción para instar á Xunta a convocar urxentemente unha mesa de negociación e apoiar a campaña “Discapacidade intelectual en loita. Sen financiación non hai futuro”, promovida por FADEMGA
mocion-famega
23 Oct 2025

O Grupo Provincial Socialista da Deputación de Ourense presentou unha moción para reclamar unha financiación suficiente e adecuada dos servizos sociais destinados a persoas con discapacidade intelectual na provincia. A iniciativa foi presentada no Centro Ocupacional e Residencial “As Burgas” de A Valenzá polo deputado provincial e alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval, acompañado doutros deputados do PSdeG-PSOE.

A moción busca apoiar publicamente a campaña “Discapacidade intelectual en loita. Sen financiación non hai futuro”, promovida por FADEMGA Plena Inclusión Galicia, e insta á Xunta de Galicia a convocar urxentemente unha mesa de negociación co sector. Valcárcel denunciou que as entidades federadas sofren unha “asfixia económica” derivada do aumento de salarios e custos operativos, mentres que os módulos de concerto social permanecen practicamente congelados.

O deputado explicou que a aprobación do XVI Convenio Colectivo supuxo incrementos salariais do 10% para os traballadores, aos que se suma unha inflación acumulada superior ao 10,5% e un aumento do Salario Mínimo Interprofesional do 18,4% nos últimos anos. Neste contexto, Valcárcel sinalou que “ante este incremento real dos custos operativos, que supera o 20%, a Xunta de Galicia só propuxo unha actualización dos módulos do concerto social que oscila entre o 5,40% e o 7,88%, o cal é absolutamente insuficiente”.

O tamén alcalde de Barbadás criticou que a Consellería de Política Social e Igualdade aínda non convocase unha mesa de negociación real e directa, a pesar das solicitudes formais de FADEMGA e AEDIGAL. Segundo Valcárcel, “esta situación demostra unha clara falta de vontade política por parte da Xunta para abordar o problema de raíz, que está levando ao sector a unha situación límite que pon en risco os servizos esenciais de miles de familias en Ourense”.

Valcárcel lembrou que FADEMGA Plena Inclusión Galicia agrupa 42 entidades que representan a 10.720 persoas con discapacidade intelectual e contan con 1.834 profesionais en toda Galicia. A súa rede inclúe 34 centros ocupacionais, 30 residenciais, 27 vivendas tuteladas, 15 centros educativos e 14 centros de emprego. “Na provincia de Ourense, varias destas entidades prestan servizos esenciais que garantizan os dereitos fundamentais. A desaparición ou o deterioro destes servizos suporía un duro golpe para moitas familias ourensás, que se quedarían sen apoio para a atención, a educación, o emprego e a inclusión social dos seus familiares con discapacidade”, alertou.

O deputado provincial subliñou que Ourense, dadas as súas condicións sociodemográficas, necesita servizos sociais sólidos e de calidade, e que a Deputación non pode permanecer á marxe. Ademais, insistiu na necesidade de explorar mecanismos de apoio complementarios para as entidades de discapacidade intelectual da provincia mentres persista o desequilibrio nas achegas da Xunta. “Non podemos permitir que a falta de compromiso da Xunta poña fin á labor esencial que estas entidades realizan na nosa provincia”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.078966856002808