Os socialistas sacan adiante dúas propostas en favor das persoas con discapacidade e dos centros de menores na provincia

OurenseXa
Ambas saíron adiante cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG e Democracia Ourensá e o voto en contra do PP
grupo-provincial-socialista
Grupo provincial socialista
31 Oct 2025

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres dúas mocións presentadas polo grupo provincial socialista, centradas na mellora dos centros de menores e no apoio ao sector da discapacidade intelectual. As dúas propostas contaron cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG e Democracia Ourensá, mentres que o Partido Popular optou por absterse na primeira e votar en contra na segunda.

O voceiro socialista, Álvaro Vila, celebrou o resultado e lamentou a postura do PP, asegurando que “unha vez máis dálle as costas a quen máis precisa apoio na provincia”. Vila destacou ademais que a aprobación das dúas iniciativas “demostra que existen maiorías alternativas na Deputación cando se trata de defender os intereses de Ourense fronte á inacción do PP”.

A primeira moción instaba á Deputación a pedir á Xunta a negociación inmediata dun convenio colectivo autonómico que mellore as condicións laborais do persoal dos centros de reforma e protección de menores, como Monteledo, Montefiz ou Montealegre. A deputada socialista Sherezade Núñez, encargada de defender a iniciativa, cualificou de “incomprensible” a abstención do PP “ante unha proposta que reclama melloras urxentes para os traballadores e para os máis de 700 menores institucionalizados en Galicia”.

Núñez lembrou que “a conselleira leva máis dun ano sen atender as peticións de reunión dos sindicatos, a pesar do respaldo maioritario dos traballadores e das propias patronais”, e advertiu de que “a precariedade laboral repercute directamente na calidade da atención aos menores máis vulnerables”.

A segunda moción, centrada no apoio a FADEMGA e ás entidades que traballan con persoas con discapacidade intelectual, tamén saíu adiante a pesar do voto en contra do PP. O deputado Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, explicou que a proposta se mantivo “a petición de FADEMGA, que reclama compromisos concretos máis alá das promesas da Xunta”.

Valcárcel considera “gravísimo” que o PP votase en contra, asegurando que esta decisión supón "dicir non ás 358 persoas con discapacidade intelectual atendidas en Ourense, ás súas familias e ás 160 profesionais que as acompañan”. Engadiu que as entidades do sector “sufriron unha asfixia económica pola falta de actualización dos módulos de financiamento, que só aumentaron entre un 5 e un 7%, mentres os custos operativos se dispararon máis dun 20%”.

⚙ Configurar cookies
0.073938131332397