Os socialistas volverán a levar ao Pleno da Deputación unha moción contra o Inorde

OurenseXa
O voceiro socialista, Álvaro Vila, acusa á Deputación de utilizar o organismo provincial exclusivamente como “unha arma de propaganda partidista para atacar ao Goberno central”
psoe-mocion-chuo
23 Jan 2026

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense presentou esta mañá unha moción que será debatida no vindeiro pleno da Deputación de Ourense a través da que denuncian “a instrumentalización política do Inorde polo Partido Popular”.

O voceiro socialista, Álvaro Vila, acusa á Deputación de utilizar o organismo provincial exclusivamente como “unha arma de propaganda partidista para atacar ao Goberno central mentres garda silencio absoluto sobre as políticas da Xunta de Galicia que están a desmantelar a sanidade e a educación públicas na provincia”.

Segundo o secretario provincial do PSdeG-PSOE, “o Inorde difundiu o pasado 29 de decembro un estudo inacabado sobre o impacto da supresión de paradas do tren na Gudiña con graves deficiencias metodolóxicas”. Tras solicitar a documentación completa o 7 de xaneiro, explica Vila, “a resposta recibida confirma que se trata dun traballo “sen rematar, en fase de desenvolvemento, con resultados preliminares”. Ademais, advirten os socialistas, “carece de datos obxectivos de uso real da estación, que admite sesgos metodolóxicos sen detallar medidas correctoras, e que non especifica datos básicos como tamaño da mostra, marxe de erro ou intervalos de confianza”. Sen eses datos, sinala o voceiro, “as porcentaxes presentadas carecen de validez estatística verificable. Isto non é rigor científico: é propaganda política mal disfrazada de investigación académica”.

O PSdeG pide que non se fagan máis estudos coma o mencionado, xa que consideran que a través deles o PP estaría facendo un uso “partidista” do Inorde. “Queremos que deixe de ser unha arma de propaganda en mans do PP”, sentencia Vila, que reclama que se o organismo vai seguir facendo informes, “que os faga ben feitos, con equipos especializados, con datos obxectivos e sobre todas as todas políticas que afectan a Ourense, non só as que dependen de Madrid”.

Por outra banda, o dirixente socialista advertiu da “precaria situación dos servizos públicos fundamentais para ilustrar o impacto real das políticas autonómicas que ninguén mide”. Vila denuncia as listas de espera n especialidades como traumatoloxía ou dermatoloxía, que acadan os seis meses, e os equipos “obsoletos, tellados caendo, inundacións e espazos non aptos para a convalecencia”. Fóra da capital, di, a situación empeora. “En Valdeorras, un hospital sen especialistas con pacientes derivados a León; en Verín, consultorios pechados por falta de persoal; no Carballiño, especialidades ofertadas que en realidade son inexistentes”.

O líder dos socialistas carga tamén contra a situación da educación, co “peche de centros e unidades, supresión de postos docentes, carencia de servizos adaptados e milleiros de nenos sen praza pública en educación infantil de 0 a 3 anos evidencian o deterioro dun servizo público fundamental”. Segundo Viña, “a Deputación non dedica recursos a medir o impacto destas políticas sobre as familias ourensás, especialmente sobre as mulleres, que sofren directamente a falta de prazas públicas e os recortes en programas de conciliación”.

“A situación de desleixo da nosa provincia non se dirime en Madrid, senón en Santiago e en Ourense, onde residen as competencias. Santiago e Ourense, precisamente onde o PP goberna”, conclúe o voceiro, que reclama que “se estudan o tren, que estudien tamén a sanidade e a educación. Esa é a coherencia que Ourense esixe”.

⚙ Configurar cookies
0.099370002746582