Os solistas instan ao Concello de Ourense a proceder á cesión inmediata dos terreos do CIPN ao Goberno Central
A deputada socialista no Congreso, Marga Martín, recorda que a responsabilidade da paralización definitiva destas obras en 2012, e por conseguinte da perda de fondos europeos destinados para a mesma, foi da Xunta de Galicia dirixida por Alberto Núñez Feijóo que naquel momento impediu ao goberno do PSdeG de Ourense cambiar o seu uso para que fora un centro orientado á xestión de recursos termais antes de que a zona fora declarada inundable no 2015.
Así as cousas, dende o grupo municipal socialista instan ao executivo local a proceder á cesión inmediata dos terreos, nos que se atopa a edificación actualmente abandonada na porta de entrada á cidade e sita a carón do Miño e da zona termal, ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para poder levar a cabo a necesaria demolición. E inciden en que xa existe partida económica comprometida dende fai máis de 4 anos, só fai falta vontade política.
“Non podemos máis que lamentar a oportunidade perdida coa construción no seu día do que ía ser o Centro de Interpretación de Parques Naturais (CIPN) de Galicia en Ourense”, expón a deputada sobre os anos perdidos polo Partido Popular e Democracia Orensana para desbloquear o derrubamento deste elemento de feísmo urbanístico para a cidade na última década.
“Se hai algún responsable de que estas instalacións terminaran converténdose nunha mole de cemento ese foi Núñez Feijóo. A pesares da insistencia do anterior goberno socialista na cidade ao expresidente da Xunta non evitou a paralización das obras, bloqueou o cambio de uso proposto fai unha década orientándoo ao termalismo e á xestión dos recursos termais, e logo intentou culpabilizar ás outras administracións”, engade.
Recordan, neste senso as e os socialistas, que en marzo de 2021, a preguntas do exsenador do PP Jesús Vázquez, o executivo de Pedro Sánchez tamén se comprometeu a través do seu Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, a estudiar un proxecto alternativo para o futuro uso dos terreos do CIPN, que cumprira coa normativa do Plan Hidrolóxico e da man das administracións local e autonómica.