Os titulares de fincas deberán xestionar a biomasa vexetal antes do día 31 de maio

OurenseXa
A normativa establece sancións por incumprimentos de até 1.000 euros, as leves, e de até 100.000 euros, as graves
desbroce
Os titulares de fincas deberán xestionar a biomasa vexetal antes do día 31 de maio
14 Maio 2024

Ante a proximidade do verán e coa finalidade de previr os incendios forestais, o Concello de Ourense lémbralles ás persoas titulares de terreos que teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nos termos que define a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF).

O prazo establecido na propia lei para cumprir con esta obriga rematará o 31 de maio. No caso de que remate sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou retire as especies arbóreas prohibidas, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria sen prexuízo da repercusión dos custos. As sancións por incumprir a Lei van até os 1.000 euros se a infracción é leve, ou até os 100.000 se é grave.

Como o ano pasado, en virtude do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA, a Administración Autonómica realizará estes traballos en parcelas situadas en varias parroquias do termo municipal que se cualifican de prioritarias, sempre que os titulares llo soliciten. Trátase das parroquias de Ourense (arredor do núcleo urbano), Vilar de Astrés, Arrabaldo, Cudeiro, Palmés, Velle, zonas que se priorizan polo número de incendios e hectáreas afectadas nos últimos anos.

O servizo é voluntario e efectuarase a través dos concellos, mediante a formalización dos contratos de xestión da biomasa. As persoas interesadas deberán aboar unha tarifa de 350 euros por hectárea e anualidade. Por exemplo: o custo dunha actuación nunha parcela de 1.000 m² sería de 35 euros.

As faixas secundarias están delimitadas no Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra Incendios do Concello e están a disposición das persoas interesadas no visor publico de faixas secundarias Visor e na páxina web do concello Medio ambiente .

Para máis información pode contactar co Concello por teléfono no 988 388 135 ou por correo electrónico no enderezo c.ambiental@ourense.es.

Normativa de prevención de incendios

A normativa de prevención de incendios establece unhas condicións específicas para as denominadas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, cuxa función prioritaria é protexer os núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos sociais, zonas edificadas, parques e polígonos industriais.

A lei obriga as persoas propietarias a xestionar a biomasa vexetal:

  • Nunha franxa de 50 metros do perímetro ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable,
  • Arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e
  • Arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, coma o eucalipto, a acacia ou diferentes variedades de pino, entre outras

0.10195207595825