Os traballadores do siderometal ourensán mobilizáronse para pedir un convenio colectivo provincial digno

OurenseXa
A manifestación percorreu as rúas da cidade na tarde deste martes
mobilizaciones-siderometal-ourense
Mobilizaciones do persoal do siderometal de Ourense
21 May 2025

Persoas traballadoras do siderometal ourensán mobilizáronse na tarde deste martes, 20 de maio, para reclamar un convenio colectivo provincial digno, xa que a patronal insiste nunha proposta que consideran “insuficiente que non garante o poder adquisitivo nin contempla reducións de xornada”.

A mobilización, que arrancaba sobre as 20.00 horas dende a casa sindical, deu continuidade a un periodo de protestas que arrancou o pasado 9 de maio no recinto feiral Expourense, coincidindo coa inauguración do VII Car Outlet.

A proposta achegada polo empresariado na xuntanza celebrada o pasado 8 de maiio, explican dende a CIG e UGT, contempla un convenio a tres anos cunha suba de soldos do 3,5% para 2025 e do 2% para 2026 e 2027, sen redución de xornada e cunha cláusula de revisión salarial que como moito sería do 15% no conxunto dos tres anos. A oferta inclúe tamén un plus de asistencia efectiva de 2,5 euros diarios en 2026 e de 3,5 euros en 2027, o que non permitiría compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras.

Pola súa banda, a CIG e a UGT consensuaron unha plataforma conxunta ante a posibilidade de que o sector vaia ao conflito que recolle un convenio a dous anos con suba salarial de 100 euros lineais con cláusula de revisión e unha redución de xornada até as 37,5 horas.
Mais dende a central nacionalista insisten na necesidade de contar cun convenio galego para o sectorque blinde a negociación provincial aproveitando a modificación lexislativa que lle dá prioridade aos acordos autonómicos sobre os estatais.

Finalmente, advirten que as persoas traballadoras do sector están dispostas a levar a cabo medidas de presión “máis drásticas” no caso de que a patronal non acepte pactar cun convenio que contemple unha suba salarial digna e con cláusula de revisión salarial e unha redución de xornada.

⚙ Configurar cookies
0.14786100387573