Os veciños das Termas reclaman ao Concello que recupere a conexión directa entre a Praza 200 e o Hospital

OurenseXa
Denuncian que o novo plan de transporte do executivo de Pérez Jácome deixou a preto de mil veciños sen conexión co Complexo Hospitalario
avv-as-termas
2 Oct 2025

A Asociación Veciñal As Termas solicita que o barrio da Praza 200 recupere a súa conexión directa co Complexo Hospitalario de Ourense. A entidade lembra que, ata a recente reorganización do transporte urbano por parte do Goberno municipal de Ourense, a zona estaba servida pola liña 6, que tiña como cabeceira a antiga estación de autobuses e ofrecía parada directa na Residencia.

Segundo denuncian desde a asociación, a modificación do plan municipal de liñas posta en marcha polo executivo de Pérez Jácome deixou a preto de mil veciños, maioritariamente de vivendas sociais e cunha poboación envellecida, “sen servizo para poder desprazarse ao hospital”.

Nun encontro veciñal celebrado esta semana, residentes e representantes da asociación analizaron o impacto dos cambios introducidos polo Concello. Aínda que recoñecen que a nova liña 4 supón unha mellora na rapidez para chegar ao centro pola Ponte do Milenio, critican que deixa o barrio illado doutras conexións necesarias como as que ofrecía a antiga liña 12 cara á rúa Vicente Risco ou á zona do Parque da Ponte.

Con todo, a principal preocupación segue a ser a perda da conexión dende a Praza 200 co Complexo Hospitalario, polo que piden que a liña 6 volva a ter cabeceira de ruta cada 30 minutos “como fixo sempre no barrio”.

Ademais da recuperación da cabeceira da liña 6 no barrio, reclaman ao Concello información clara e accesible sobre horarios e rutas, lembrando que a marquesiña da Praza 200 carece de panel informativo. Tamén piden garantías de que a futura liña circular que se prevé implantar non supoña de novo a perda de conexión directa co Complexo Hospitalario.

⚙ Configurar cookies
0.11011695861816