Ourense acolle a exposición fotográfica “Centenarias”

OurenseXa
A mostra, realizada en colaboración coa asociación fotográfica Potiños, poderá visitarse na praza de Bispo Cesáreo durante quince días
Inauguración_Exposición_Centenarias
Inauguración da exposición fotográfica “Centenarias”
7 Mar 2024

A Deputación de Ourense conmemora o 8M, Día Internacional da Muller, coa exposición fotográfica “Centenarias” protagonizada por 17 mulleres beneficiarias das políticas provinciais. O presidente da Deputación, Luis Menor, inaugurou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel esta mostra, realizada en colaboración coa asociación de fotógrafos Potiños, e que baixo o título “Cara a igualdade: mulleres con pasado, presente e futuro” dá visibilidade aos avances alcanzados e aos logros pendentes en materia de igualdade.

No marco da celebración do 8M, “que simboliza o irrenunciable desexo da sociedade por avanzar cara unha igualdade plena, real e efectiva”, dixo Luis Menor, a Deputación de Ourense quere dar visibilidade “ao reto que supón alcanzar esa plena igualdade de xénero a través das vidas de dúas xeracións de mulleres, separadas por un século de vida”.

A través de “Centenarias”, que poderá visitarse durante quince días na praza Bispo Cesáreo, amósase a transformación do papel da muller na sociedade e os cambios que protagonizarán as que agora nacen. As mulleres que protagonizan esta exposición cumpriron ou están a piques de cumprir os 100 anos e representan precisamente esas vidas marcadas pola desigualdade. Fronte a esa realidade atópanse as fotografías dunha nova xeración de mulleres que con apenas meses ou anos de vida xa representan os avances logrados a prol da igualdade. Son, afirmou o presidente provincial, “a imaxe que nos debe motivas para seguir traballando por esa plena igualdade”.

Cabe destacar que todas as mulleres presentes en “Centenarias” son partícipes das políticas públicas da Deputación, ben como beneficiarias do programa de teleasistencia -que lles permite dispoñer as 24 horas do día dun servizo de apoio ante calquera emerxencia, ou como beneficiaras do Programa ChegOU,  iniciativa provincial para o fomento da natalidade.

Novas iniciativas do goberno provincial

Luis Menor anunciou dúas novas iniciativas que desenvolverá o goberno provincial. Por unha banda, a financiación dunha investigación científica que realizará un equipo multidisciplinar de profesionais da sanidade para coñecer mellor as razóns polas que Ourense é un dos territorios cunha das maiores porcentaxes de poboación centenaria. “As conclusións deste estudo permitiranos, entre outras cousas, deseñar do xeito máis acertado posible as nosas políticas neste ámbito”, destacou o presidente provincial.

A segunda das iniciativas propostas é a posta en marcha nun municipio piloto da universalización da atención a soidade non desexada feminina, iniciativa que será presentada á FEMP como plan piloto, para a súa posta en coñecemento pola Organización Mundial da Saúde.

0.13839411735535