Ourense acolle á súa futura promoción de estudantes de enfermaría

OurenseXa
Cunha nota de corte este ano de 11.316 puntos o acceso a Escola Universitaria de Enfermería de Ourense esta cada vez máis limitado aos expedientes académicos máis brillantes
Ourense da a benvida á súa futura promoción de estudantes de enfermaría
5 sep 2024

A Directora Escola Universitaria de Enfermería, Mª Milagros Fernández, xunto co xerente e a directora de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba e Josefa Rodríguez Araujo, deron a benvida hoxe no Hospital Universitario de Ourense aos sesenta e tres estudantes que iniciarán este ano o seu primeiro curso.

As alumnas e alumnos da futura promoción 2024-2028 desenvolverán a súa formación entre as aulas da escola, no edificio Santa María Nai e no campus de Ourense, e nos diferentes servizos do Hospital Universitario de Ourense e Centros de Saúde, nun plan de estudos eminentemente práctico cada día máis esixente no académico, cun acceso limitado aos alumnos con notas máis sobresaintes. Este ano a nota de corte para EUE de Ourense foi superior aos 11 puntos (11.316).

Entre o estudantado deste curso a presenza feminina continúa a ser maioritaria cun 70 % de estudantes matriculadas pero cómpre subliñar que cada ano ascende o número de alumnos varóns.
Ademais da esixencia no académico, a filosofía dos estudos de Enfermería pasan pola formación en calidade e no coidado humanizado e igualitario. A súa directora, Mª Milagros Fernández, suliñou que “escoller a Enfermaría é optar por unha profesión que combina coñecemento profundo, habilidades e un forte compromiso co coidado das persoas. Ao longo do voso percorrido académico, desenvolveredes distintas capacidades, incluídas as investigadoras que vos permitirán aplicar coidados con rigor científico, e abordar os desafíos da atención sanitaria con evidencia e precisión. Este enfoque non só reforzará o coidado que proporcionedes, senón que tamén contribuirá ao avance do coñecemento sobre a saúde, impactando de maneira significativa na vida das persoas."

Grandes perspectivas laborais

A Directora de Enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Josefa Rodríguez Araujo, felicitou aos novos alumnos e encomiou a súa elección -“Tedes elixido ben. É unha carreira bonita, complicada, pero tamén cunhas expectativas de futuro fantásticas: É rematar e
ter un mundo laboral aos vosos pes, cada vez máis amplo e con máis eidos nos que aplicar os nosos coñecementos” dixo.

O xerente abondou tamén nas altísimas perspectivas laborais da Enfermería neste intre, e destacou o gran momento que está a vivir a profesión -“A Enfermería está vivindo unha auténtica explosión de éxito” dixo, poñendo en valor o papel esencial da enfermería durante a pandemia e no proceso de vacinación, o que contribuíu a potenciar a súa enorme visibilidade e valoración pública.

Tanto as responsables de Enfermería, como o xerente da Área Sanitaria, coincidiron igualmente no imprescindible exercicio humanístico e social da profesión, que vai mais alá das habilidades técnicas, subliñando a importancia da empatía, da capacidade de escoita e da comprensión profunda das necesidades dos pacientes. Este labor non só se reflicte na atención directa, senón tamén no compromiso co benestar emocional e psicolóxico das persoas, facendo da enfermaría unha profesión integral que impacta de maneira significativa na calidade de vida de quen a recibe” dixo Camba, que agradeceu aos novos alumnos que elixiran Ourense e os animou a aproveitar as vantaxes de formarse nunha Escola onde se poden beneficiar dunha docencia máis personalizada e de proximidade.

0.16989493370056