Ourense acolle as II Xornadas de Traballo Social Ecosocial centradas na defensa do territorio e as comunidades sostibles

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebra este martes e mércores as II Xornadas de Traballo Social Ecosocial, baixo o lema “Defensa do territorio e comunidades sostibles”. Esta iniciativa ten como obxectivo consolidar o traballo social con enfoque ecosocial e fortalecer as redes de organización comunitaria mediante o diálogo, a reflexión e a acción colectiva.
Durante as sesións, diversos colectivos sociais, profesionais do ámbito e estudantado compartirán experiencias e boas prácticas en defensa dos ecosistemas e do territorio, abordando a resistencia comunitaria fronte aos impactos derivados de proxectos industriais e extractivos. A actividade, coordinada por Francisco Aguiar e Evelia Murcia, busca tamén abrir espazos de debate sobre a necesidade dunha transición xusta, xerar alianzas entre os distintos axentes implicados e promover estratexias para o desenvolvemento de comunidades resilientes.
A programación desenvolverase na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro, con sesións que comezan ás 16.00 horas. O primeiro día inclúe a intervención de Emiliana Vicente, presidenta do Consejo General del Trabajo Social, cunha conferencia inaugural centrada no papel do traballo social fronte aos retos ecolóxicos actuais. A continuación, abordarase a avaliación do impacto social dos proxectos industriais, a cargo de Fernando Relinque, da Universidade Pablo de Olavide, e analizarase o caso da macrocelulosa de Altri, cunha ponencia do investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González.
A xornada continuará cunha intervención poética titulada Matria. Poesía para a terra, da bióloga e escritora Adela Figueroa, e cun faladoiro con plataformas veciñais baixo o título Non somos terra de sacrificio, coa participación de representantes de Ulloa Viva, Mina de Touro-O Pino Non, SOS Suído-Seixo e Stop Eólicos Limia-Xurés-Celanova. O día rematará cun diálogo aberto sobre o papel do traballo social na defensa do territorio, moderado por Miriam Sierra, presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.
O mércores, as xornadas centraranse en experiencias concretas de intervención ecosocial, como o enfoque ecofeminista na saúde sexual, proxectos comunitarios no Val do Jerte sobre envellecemento activo, terapias grupais para mulleres con cancro ou o traballo con colectivos vulnerables desde a perspectiva ambiental. Tamén se presentarán redes profesionais estatais e internacionais vinculadas ao traballo social ecosocial.
Ademais, darase a coñecer a guía educativa Unha receita para a diversidade cultural, presentada por Beatriz Comendador, da Universidade de Vigo, e celebrarase un obradoiro vivencial sobre traballo social e arte, dirixido por Andrea Alfaya.
Como actividade paralela, o xoves 8 de maio, ás 20.00 horas, proxectarase no Cineclube Padre Feijoo o documental A loita final, de Enrique Banet e producido por Mabel Rivera. A cinta aborda os posibles efectos do proxecto industrial de Altri no territorio galego. Esta proxección está organizada polo Cineclube e a Plataforma Ulloa Viva–Grupo Ourense.