Ourense acolle as IV Xornadas de asociacións universitarias séniors de Galicia

O Liceo de Ourense será o escenario este venres, 10 de outubro, das IV Xornadas de asociacións universitarias séniors de Galicia. O evento reunirá arredor de 180 persoas, entre alumnado e ex alumnado dos programas universitarios destinados a persoas maiores das diferentes universidades galegas, para compartir experiencias e aprendizaxe.
Estas xornadas, que se celebran anualmente nun campus distinto de Galicia, están organizadas este ano pola Asociación de Estudantes Aulas de Formación Aberta do campus de Ourense da Universidade de Vigo, coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e o Concello de Ourense.
Na presentación desta edición, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus ourensán, destacou o compromiso da Universidade de Vigo coa formación ao longo de toda a vida e felicitou á organización polo seu traballo. Pola súa banda, Celso Pumar, presidente da Asociación de Estudantes Aulas de Formación Aberta do campus de Ourense, sinalou que para a súa entidade “é unha honra” poder organizar estas xornadas, que “son un evento moi importante para toda a comunidade universitaria e para a sociedade en xeral”. Ademais, destacou que nesta edición se prestou especial atención a que a actividade estivese, na medida do posible, aberta á cidadanía. Pumar subliñou tamén que o alumnado sénior é alumnado “de feito e de dereito” da Universidade e resaltou a oportunidade que supón reunirse nun evento como este.
O programa, baixo o lema Saberes e sabores de Ourense, comezará con dúas conferencias: a primeira, sobre as “augas misteriosas da provincia termal de Ourense”, será impartida por María G. Souto, licenciada en Ciencias Químicas e en Farmacia, delegada da Federación Mundial de Termalismo e Climatoterapia en España e académica numeraria da Real Academia Europea de Doutores. A segunda, centrada na nutrición para unha vida activa e saudable, estará a cargo de Marisol López, dietista, nutricionista e tecnóloga de alimentos.
A xornada continuará cunha mesa de debate sobre os relatorios presentados e outra dedicada á formación permanente ao longo da vida, na que participarán representantes das asociacións universitarias e que será moderada por Alejandro Otero. O peche estará a cargo do propio Otero, presidente de Fegaus, e cunha visita guiada pola cidade.