Ourense acolle as XXVII Xornadas de Xestión e Avaliación en Saúde da fundación Signo
As XXVII Xornadas de Xestión e Avaliación en Saúde, de carácter nacional e organizadas pola Fundación Signo, comezaron este mérecores en Ourense e desenvolveranse ata o venres día 10. Na inauguración desta actividade técnica participou o presidente provincial, Luis Menor, quen agradeceu á organización a súa escolla de Ourense como sede destas xornadas, “porque para unha provincia como Ourense, o feito de acoller congresos e eventos de relevancia nacional é moi importante para o noso sector económico e comercial”, invitando aos participantes a coñecer por si mesmos todo canto ten por ofrecer a provincia: “Descubran e gocen da nosa gastronomía, do noso comercio local, do noso patrimonio e de tantos recunchos máxicos por exemplo a Ribeira Sacra, que teñen a apenas 15 minutos de aquí”.
Tamén se referiu Menor aos compoñentes que sempre estiveron presentes no espírito da Fundación Signo: o valor en saúde e a sustentabilidade. “Conceptos ambos que compartimos plenamente na Deputación de Ourense, e cuxos valores afrontan un novo enfoque de sustentabilidade sumada á visión tradicional, que se ampara na interiorización dos obxectivos do desenvolvemento sostible e da axenda 2030 na que todas as institucións, públicas e privadas, debemos implicarnos ao máximo”.