Ourense acolle o VII Congreso Internacional e as 52 Xornadas Nacionais Socidrogalcohol

OurenseXa
O encontro reúne a medio cento de expertos internacionais en adiccións ata o 18 de outubro no Auditorio Municipal
conngreso-Socidrogalcohol
Congreso Socidrogalcohol
17 Oct 2025

Ourense convértese estes días nun punto de referencia internacional no ámbito das adiccións coa celebración do sétimo Congreso Internacional e das 52 Xornadas Nacionais Socidrogalcohol. O evento, que se desenvolve no Auditorio Municipal ata o 18 de outubro, reúne a medio cento de especialistas procedentes de diferentes países para debater sobre os últimos avances científicos na prevención, tratamento e abordaxe social das condutas adictivas.

Organizado polo experto en drogodependencias Manuel Isorna, o congreso combina conferencias, mesas redondas e obradoiros prácticos dirixidos tanto a profesionais do ámbito sanitario e educativo como a investigadores e responsables de políticas públicas. A cita pretende consolidarse como un espazo de intercambio de coñecemento e de impulso de novas estratexias fronte ás adiccións.

Na inauguración participou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen salientou a “gran achega científica e social” dun congreso que sitúa a Ourense “no mapa internacional do coñecemento e da saúde pública”. Menor lembrou tamén o compromiso da Deputación coa organización de grandes eventos que proxectan a imaxe da provincia, como o recente Festival Internacional de Cine.

Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou a súa experiencia profesional previa, que lle permitiu coñecer de preto as consecuencias das adiccións, “que non só afectan a quen as padece, senón tamén ao seu entorno”. Así mesmo, animou ás persoas participantes a aproveitar a súa estancia para gozar dos atractivos turísticos e culturais da cidade e da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.079267978668213