Ourense acolle un acto do PP sobre as dificultades da mocidade para obter o carné de conducir

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, participou nun acto en Ourense organizado por Novas Xeracións no que se abordaron as trabas que atopan os mozos e mozas á hora de sacarse o carné de conducir. Prado puxo o foco nas listas de espera e na falta de examinadores, un problema que, segundo denunciou, está a limitar o acceso ao emprego e a independencia da mocidade galega.
Durante o encontro, a dirixente popular puxo en valor as medidas da Xunta de Galicia, como as axudas para facilitar o acceso ao carné, das que xa se beneficiaron máis de 4.000 persoas. Con todo, criticou a “falta de resposta” por parte do Goberno central, ao que acusou de desatender as súas competencias nesta materia. Segundo os datos expostos, arredor de 3.000 persoas agardan por unha convocatoria de exame en Galicia, cunha demora que pode alcanzar os cinco meses.
A líder do PPdeG reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez que cubra con urxencia as prazas vacantes de examinadores da Dirección Xeral de Tráfico para evitar que máis mozos perdan oportunidades laborais ou de acceso a oposicións.
No mesmo acto, Prado destacou tamén unha iniciativa pioneira desenvolvida en Ourense: a formación da primeira promoción de profesores de autoescola a través dun ciclo superior de FP no CIFP Portovello. Un total de 14 alumnos formaron parte desta quenda inicial, nun proxecto que contou co apoio da Deputación de Ourense e que, segundo asegurou, “marca o camiño a seguir” para afrontar a falta de profesionais no sector.
A presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, salientou pola súa banda o papel da FP dual e o compromiso da Xunta cunha formación “útil, innovadora e orientada ao futuro”. Tamén participou a presidenta local do PP de Ourense, Ana Méndez, que subliñou o papel da provincia na posta en marcha desta nova formación e apuntou que durante o mes de agosto Ourense será unha das poucas provincias sen listas de espera para exames de conducir.
O acto rematou cunha mensaxe política en clave estatal por parte de Paula Prado, que criticou a xestión do Goberno central nestes dous anos desde as eleccións xerais de 2023 e apelou á necesidade de que Alberto Núñez Feijóo “colle o volante” dun novo rumbo político para España.