Ourense acolle un foro sobre o uso de sistemas de intelixencia artificial na atención a maiores

OurenseXa
O Centro Cultural Marcos Valcárcel foi o escenario dunha xornada organizada pola Fundación Democracia e Goberno Local en colaboración coa Deputación de Ourense para abordar os desafíos do envellecemento na provincia
foro-maiores-ourense
11 Feb 2026

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu este mércores a xornada “O marco da atención ás persoas maiores: análise de experiencias disruptivas e do uso de sistemas de intelixencia artificial”, un foro que reuniu expertos e responsables políticos para debater sobre os retos do envellecemento e a mellora dos servizos de atención á poboación maior.

A iniciativa, organizada pola Fundación Democracia e Goberno Local xunto coa Deputación de Ourense, forma parte da estratexia provincial para facer de Ourense un territorio no que sexa posible envellecer con dignidade, seguridade e calidade de vida, combinando innovación tecnolóxica e un enfoque humanista nas políticas públicas.

Durante a apertura do encontro, o presidente da Deputación destacou a importancia deste tipo de foros “para construír o mellor futuro posible para quen construíron o noso mellor presente”. Ourense, sinalou Moreno, enfronta unha realidade demográfica singular, ao ser a provincia máis envellecida de Galicia e unha das zonas con maior lonxevidade de España e do mundo. Para o presidente, esta situación “non debe abordarse desde o derrotismo, senón desde a responsabilidade e a ambición política”, converténdoa nunha oportunidade para liderar políticas de benestar, atención e calidade de vida.

Na súa intervención, subliñou a aposta da Deputación por garantir a equidade territorial, asegurando que vivir nun municipio pequeno “non implique menos dereitos nin peores servizos”, e destacou a consolidación dunha rede de atención que achega recursos a toda a provincia, reforzando a cohesión social e territorial. Ademais, explicou que desde a Área de Benestar se está a desenvolver un modelo de atención centrado na autonomía persoal, a calidade de vida e a permanencia das persoas maiores no seu entorno habitual, con un enfoque baseado na eficiencia, o rigor e a sustentabilidade.

O presidente insistiu tamén na importancia de avanzar cara un envellecemento activo que supere a asistencia tradicional, incorporando a tecnoloxía e a intelixencia artificial como ferramentas ao servizo das persoas, sempre respectando os dereitos fundamentais e complementando, sen substituír, a atención humana. Destacou ademais a innovación social no medio rural, promovendo experiencias disruptivas que permitan ás persoas maiores permanecer nos seus fogares o maior tempo posible, e salientou a cooperación institucional e o intercambio de coñecemento como elementos esenciais para potenciar o talento e as boas prácticas en toda a provincia.

Pola súa banda, José Luis Moreno, xerente da Fundación Democracia e Goberno Local, lembrou que a Deputación de Ourense é patroa da Fundación xunto con outras 27 institucións provinciais, cabildos e consellos insulares. Subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para “compartir experiencias e solucións sobre unha cuestión de extraordinaria importancia” e destacou a relevancia de adaptar a intelixencia artificial “á hora de mellorar os servizos aos cidadáns”, sinalando que a súa aplicación na atención ás persoas maiores contribúe a mellorar a súa calidade de vida, seguridade e autonomía, ao tempo que axuda a combater a soidade non desexada e o esgotamento dos coidadores.

⚙ Configurar cookies
0.088423013687134