Ourense acolle unha exposición sobre o obxecto doméstico na arte galega do século XX e XXI

A Sala de Exposicións de Afundación en Ourense acolle desde hoxe a mostra ‘Doméstica. O obxecto contemporáneo na Colección de Arte Afundación’, que reúne 36 obras realizadas entre 1934 e 2008 por destacados artistas galegos, centradas na representación do obxecto doméstico. A exposición poderá visitarse ata o 13 de xuño, de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas, e os fins de semana e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.
A mostra ofrece unha visión contemporánea do obxecto en clave doméstica, un entorno que, segundo Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación e comisaria da exposición, “non é só un espazo físico, senón un conxunto de relacións, funcións e anhelos que habitan nos fogares e definen aos seus habitantes, e de aí que algúns artistas recorran a el para transmitir as súas experiencias persoais”.
A exposición abarca unha ampla variedade de linguaxes e soportes artísticos, desde o Contraluz de Francisco Llorens (1934), a obra máis antiga, ata a fotografía dixital B. de Antía Moure (2008), a máis recente. As creacións presentan desde plantexamentos formais próximos ao naturalismo, realismo ou cubismo, ata o hiperrealismo e propostas conceptuais, percorrendo así as múltiples expresións da plástica galega. Entre os artistas presentes atópanse Segura Torrella, Xaime Quessada, Elena Gago, Xurxo Oro Claro, Quintana Martelo, Lamazares, M.ª Victoria de la Fuente, Luis Seoane, Jorge Perianes, Arturo Souto, Carlos Rial, Loureiro, Francisco Llorens e Maside.
A mostra organiza as obras en diferentes aproximacións temáticas que guían ao visitante a través de distintas miradas sobre o cotián. Algunhas recrean as mesas tradicionais do bodegón en clave contemporánea, mentres que outras reflicten a natureza como expresión de beleza efémera. Tamén se poden contemplar pezas de metapintura nas que a pintura refírese a si mesma, transmitindo harmonía e tranquilidade, ou composicións nas que a fiestra adquire protagonismo na iluminación e estrutura da obra. Ademais, os artistas empregan obxectos cotiáns como símbolos que convidan ao espectador a reflexionar sobre o seu significado, e outras creacións presentan patróns fragmentados e ritmos visuais que xeran un efecto intrigante e hipnótico.
Co obxectivo de achegar a arte contemporánea a públicos diversos, a Área Educativa de Afundación deseñou visitas adaptadas e talleres prácticos que conectan arte, ciencia e tecnoloxía, fomentando a creatividade e o pensamento crítico. Entre as actividades inclúese a “robotización” dun bodegón especial, que permite experimentar coa interacción entre obxectos cotiáns e tecnoloxía.
A exposición forma parte do programa Cultura por Alimentos, desenvolvido en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O acceso é libre, pero anímase ao público a aportar produtos non perecedeiros, que poden depositarse nos colectores situados na entrada da mostra.