Ourense acolle unhas xornadas sobre prevención de incendios impulsadas pola Deputación tras a vaga de lumes de agosto

OurenseXa
O programa da xornada inclúe relatorios e mesas técnicas centradas en prevención, coordinación operativa, formación, cambio climático e resposta ante os chamados incendios de última xeración
xornadas-tecnicas-incendios-ourense
12 Nov 2025

O Centro Cultural Marcos Valcárcel inaugurou esta mañá unha Xornada Técnica sobre Prevención e Intervención en Incendios Forestais, organizada pola Deputación de Ourense en colaboración coa Xunta de Galicia, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e a Fundación MAPFRE.

A iniciativa chega despois da peor vaga de incendios vivida na provincia dende que hai rexistros, cando unha serie de lumes sen precedentes asolaron durante preto dun mes a práctica totalidade das comarcas ourensáns, con especial virulencia en Valdeorras, Verín, Monterrei, Trives, Maceda, A Limia ou A Gudiña.

O presidente provincial destacou durante a inauguración das xornadas a capacidade de resposta de todos os servizos de emerxencia da provincia, salientando “a forza, a profesionalidade e o compromiso dos equipos que defenden o noso territorio”. Neste senso, Luis Menor aproveitou a ocasión para trasladar o seu agradecemento aos bombeiros, brigadistas, técnicos, condutores, persoal de maquinaria e coordinación provincial que participaron na loita contra o lume.

O presidente sinalou que o CECOPI se activou desde o primeiro momento, e que os parques comarcais dependentes da Deputación “responderon con total dispoñibilidade, mobilizando máis de sesenta efectivos operativos, traballando en quendas de 24 horas e reforzando dispositivos en toda a provincia”.

Menor explicou que as xornadas nacen precisamente desa experiencia, co obxectivo de converter “o sufrimento do verán de 2025 nun aprendizaxe colectivo e nun exercicio de mellora continua”. “Non queremos que este verán se lembre só pola devastación, senón pola capacidade de aprender e cooperar que xurdiu da crise”, subliñou.

O programa da xornada inclúe relatorios e mesas técnicas centradas en prevención, coordinación operativa, formación, cambio climático e resposta ante os chamados incendios de última xeración.

“Ourense quere ser parte da resposta”, dixo o presidente, que insistiu e que a Deputación puxo en marcha a Mesa Provincial de Incendios Forestais, un espazo estable de traballo conxunto entre administracións, cidadáns e profesionais que permitirá mellorar a planificación, a prevención e a xestión do risco.

Ademais, resaltou tamén a importancia da cooperación transfronteiriza, agradecendo a participación de expertos de Galicia, doutras comunidades autónomas e de Portugal: “O lume non coñece fronteiras, e a mellor maneira de combatelo é compartindo coñecemento, innovación e experiencia”.

O acto contou coa participación de representantes da Xunta de Galicia (o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo); do presidente da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), Manuel Carlos García; e o presidente da Fundación MAPFRE, Antonio García, ademais de técnicos, responsables de parques de bombeiros, autoridades locais e expertos en xestión forestal e emerxencias.

⚙ Configurar cookies
0.075289011001587