Ourense acollerá a primeira edición do Congreso de Divulgación, Transferencia e Impacto Social da Ciencia da UVigo

OurenseXa
O evento, que se desenvolverá entre o 12 e o 14 de marzo, ten como obxectivo promover o intercambio de coñecementos científicos
campus-de-ourense-rrii
Campus de Ourense
10 Mar 2025

A Universidade de Vigo organiza a primeira edición do Congreso de Divulgación, Transferencia e Impacto Social da Ciencia (CoDi), que terá lugar do 12 ao 14 de marzo no campus de Ourense.

O obxectivo deste evento é promover o intercambio de coñecementos científicos entre expertos e expertas, así como fomentar a divulgación científica tanto na comunidade académica como no público xeral.

CoDi conta cun consello científico integrado por un amplo grupo de especialistas de diversas universidades españolas e un comité organizador presidido por Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, ocupa o cargo de vicepresidente do comité organizador, e José Rúas, profesor da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, é o coordinador. Tamén forman parte deste comité membros da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo.

Segundo a organización, a temática deste congreso é de gran relevancia, xa que "a divulgación e a transferencia da ciencia, así como o estudo do seu impacto na sociedade, son fundamentais na era actual, onde o avance do coñecemento científico é vertixinoso". A ciencia, apuntan, "é un pilar do progreso, que non só modela a nosa comprensión do mundo, senón que tamén inflúe de maneira significativa na sociedade". Neste sentido, subliñan que "a divulgación científica non só democratiza o acceso ao coñecemento, senón que tamén refuerza a relación entre a comunidade científica e a cidadanía, impulsando a toma de decisións informadas".

Un espazo de intercambio e colaboración

CoDi preséntase como un espazo de intercambio de ideas, análise crítica e colaboración entre a comunidade científica, divulgativa e profesional de distintas disciplinas. Desde a organización do congreso destacan que "a través deste evento, buscamos profundizar na comprensión de como a ciencia pode contribuír ao benestar social e como afrontar os desafíos éticos e sociais que xorden no camiño do progreso científico".

O congreso conta cun variado programa de conferencias, mesas redondas, exposicións de pósters e outras actividades, que se desenvolverán principalmente no edificio Politécnico do campus de Ourense. O primeiro día, tras a inauguración oficial, comezará cunha conferencia titulada "Ciencia de primeira plana", impartida por Eduardo Rolland, xornalista, escritor e guionista audiovisual, e finalizará cunha mesa redonda sobre o papel das institucións na mellora da transferencia de coñecementos. O segundo día, a programación arrancará cunha charla sobre intelixencia artificial na comunicación e divulgación, a cargo de Óscar Huertas, responsable de Comunicación e Divulgación do Instituto DaSCI-UGR, e finalizará cunha representación artística titulada "A chispa máxica", a cargo de Manuel Vicente e César Goldi. O último día de CoDi comezará cunha intervención sobre os indicadores de impacto social das revistas no SCImago Journal Rank, a cargo de Félix de Moya Anegón, de SCImago Lab, e rematará coa entrega de premios aos mellores pósters do congreso, a presentación das súas conclusións e a clausura oficial.

A programación contará coa participación dun amplo espectro de especialistas en divulgación científica e transferencia de coñecementos. Desde a organización explican que "cada vez máis, os científicos e científicas son conscientes de que, ademais de dar a coñecer os resultados das súas investigacións aos seus colegas a través de revistas e congresos, tamén deben transmitilos e explicalos ao público, ou polo menos son conscientes de que esta é unha asignatura pendente". Ademais, engaden que "o momento actual é adecuado para organizar este congreso, xa que no ámbito científico vai calando a idea de que a sociedade, que cos seus impostos financia a investigación científica, ten dereito a recibir os seus beneficios, ou polo menos a saber en que se invirten os seus recursos". Finalmente, desde CoDi destacan que "ademais da divulgación, é fundamental medir o seu impacto na sociedade, polo que o congreso tamén busca a participación de expertos e expertas en indicadores bibliométricos e altmétricos, que poidan achegar as súas metodoloxías".

⚙ Configurar cookies
0.32848381996155