Ourense acollerá a súa primeira gala solidaria Bicos de Papel en apoio á oncoloxía infantil

OurenseXa
O evento celebrarase o 7 de novembro no Teatro Principal e destinará integramente a recadación á obra social da asociación
presentacion-gala-bicos-de-papel-ourense
28 Oct 2025

A asociación Bicos de Papel, dedicada ao apoio de nenos con enfermidades oncolóxicas e das súas familias, presentou no Hospital Universitario de Ourense a súa I Gala Solidaria, que terá lugar o vindeiro 7 de novembro no Teatro Principal. O obxectivo é recadar fondos para a súa obra social, centrada no acompañamento e axuda ás familias con menores en tratamento de cancro no Hospital Álvaro Cunqueiro, centro de referencia para as áreas sanitarias de Vigo e Ourense, Verín e Valdeorras.

No sur de Galicia diagnostícanse cada ano arredor de 25 novos casos de cancro infantil, principalmente tumores do sistema nervioso central e sarcomas óseos. Deles, uns cinco corresponden a nenos e nenas da provincia de Ourense. Actualmente, 160 menores permanecen en seguimento —un 20% ourensáns— e máis de vinte están en tratamento activo no Hospital de Día de Oncoloxía Pediátrica. Aínda que o cancro infantil non se pode previr, o diagnóstico precoz é clave, e en España a supervivencia supera xa o 82%, cunha tendencia á alza.

A gala contará coa participación do humorista Peter Punk, os grupos Besbellos e Os Tres Porquiños, as coreografías da Escola de Danza Catro Pasos e a enerxía de Estudio Repenica. O acto será presentado polo xornalista de Radio Popular COPE Juan Maceiras. As entradas, cun prezo de 8 euros, poden adquirirse a través da web da asociación.

Durante a presentación, Natalia Dieste, directora de Bicos de Papel, lembrou que a entidade naceu en 2017 “da unión de familias que recibimos o diagnóstico de cancro nun dos nosos fillos e decidimos xuntarnos para mellorar as necesidades que detectamos”. Explicou que os tratamentos e hospitalizacións adoitan ser longos, ás veces de ata dous meses, o que obriga a desprazamentos ou estadías fóra do domicilio. “Se xa é unha situación moi dura para calquera familia, para quen se ten que afastar do seu fogar é moito máis complicado. Por iso decidimos dar un paso máis e abrir unha casa de acollida xunto ao hospital”, sinalou.

Desde a súa apertura, esta vivenda acolleu máis de vinte familias ourensás e adoita estar ocupada de forma continuada. Ademais, a asociación ofrece apoio psicolóxico, rehabilitación de secuelas físicas tras os tratamentos e axudas económicas para desprazamentos e estadías, incluso en centros de referencia fóra de Galicia. “O noso obxectivo non é só a supervivencia, senón mellorar a calidade de vida e acompañar as familias en todo o proceso”, destacou Dieste.

Entre os testemuños, Beatriz González, veciña de Dacón (Maside) e nai dun neno diagnosticado de cancro, explicou a súa experiencia coa asociación, destacando o apoio recibido. “Cando chegamos ao hospital Álvaro Cunqueiro atopámonos con Bicos de Papel. Ofrecéronnos a casa de acollida e foi algo moi positivo, porque estabamos vivindo un momento moi duro e ver que hai xente que che axuda sen pedir nada a cambio é moi emocionante”.

O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Universitario de Ourense, Santiago Fernández Cebrián, quixo sumarse ao chamamento, sinalando que “Bicos de Papel realiza unha labor marabillosa coidando as familias ourensás e de todo o sur de Galicia con fillos con enfermidades oncolóxicas. Anímovos a todos a asistir á gala o 7 de novembro no Teatro Principal”.

Pola súa parte, a presidenta do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, Pilar Garzón, expresou o respaldo do colectivo médico: “Queremos contribuír coa nosa presenza e apoio, e tamén cunha gala benéfica que celebraremos o 22 de novembro, un musical baseado en cancións de Disney realizado por profesionais sanitarios. Toda a recadación de ambas galas destinarase a Bicos de Papel”, explicou, salientando “a importancia dunha iniciativa que visibiliza a solidariedade e o compromiso do persoal sanitario e da sociedade ourensá cunha causa tan necesaria”.

⚙ Configurar cookies
0.074667930603027