Ourense acollerá este venres o evento final do proxecto europeo Raia Seca Gerês-Xurés
O vindeiro 29 de novembro de 2024 celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o evento final do proxecto europeo RAIA SECA GERÊS-XURÉS: Gobernanza Transfronteiriza da Fronteira Interior da Eurorrexión Galicia-Norte dePortugal, cofinanciado polo Programa Interreg VI España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. Este seminario internacional será un foro para valorar os logros acadados, fomentar o debate e impulsar novas perspectivas de cooperación transfronteiriza.
Este evento final contémplase nas actividades a desenvolver dentro do proxecto Raia Seca Gerês-Xurés, que ten como obxectivo final a creación do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) na Raia Seca e a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX).
O Comité de Xestión do Programa de Cooperación Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, na súa reunión do 6 de xuño de 2023, acordou a concesión de unha axuda FEDER de 260.792,71 euros, dun orzamento total de 347.723,62€ ó proxecto Raia Seca Gerês-Xurés: Gobernanza Transfronteiriza da Fronteira Interior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, presentado á Segunda convocatoria, do cal a Deputación de Ourense é socio, cun orzamento total de 121.250 euros.
O proxecto ten como socios portugueses, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho), Comunidade do Vale do Cávado (CIM CÁVADO) e a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso (CIMAT), e da parte ourensá a Deputaciónde Ourense e o Inorde.
Concellos ourensáns participantes
Os concellos ourensáns que forman parte deste futuro AECT serán os de: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Lobeira, Baltar, Padrenda, Verea, Quintela do Leirado, Muíños, Cualedro, Oímbra e Monterrei. O norte de Portugal estará representado polos municipios de Montalegre, Terras de Bouro, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Melgaço.
O obxectivo deste proxecto é mellorar a eficiencia das administración públicas promovendo a cooperación xurídica e administrativa e a colaboración entre os cidadáns, os representantes da sociedade civil e as institucións, en particular con miras a resolver obstáculos xurídicos e as trabas doutra índole nas rexións fronteirizas.
Neste contexto, as administracións locais toman a iniciativa de promover a intensificación das dinámicas transfronteirizas xa existentes, a través da creación dun Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) que facilite a xestión do “ben común” e promova o desenvolvemento deste territorio transfronteirizo de forma colaborativa e harmoniosa. A Deputación deOurense convida á cidadanía, ás institucións e ós representantes da sociedade civil a participar neste evento clave.
É preciso lembrar que o xerme desta iniciativa foi a sinatura de Declaración Conxunta para a Constitución do AECT no contexto da “Raia Seca” e da RBTGX, que tivo lugar o pasado dia 14 de decembro de 2022 en Arcos de Valdevez, e que asinaron 8 entidades portugueses e 14 entidades ourensáns, 13 concellos arraianos e a súa promotora, a Deputación de Ourense.
Un programa protagonizado por relatores de prestixio
O seminario contará cunha serie de intervencións destacadas que permitirán reflexionar sobre os retos e oportunidades da cooperación transfronteiriza na Raia Seca. Entre os relatores principais destacan:
- Valerià Paül Carril, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, quen presentará a publicaición sobre a analise do futuro AECT RAIA SECA GERÊS-XURÉS, un documento clave para entender o potencial deste proxecto.
- Serafín Pazos Vidal, experto senior en Desenvolvemento Territorial na EADIL (Bruxelas), que afondará no concepto de Rural proofing para o desenvolvemento local na Raia, achegando unha visión innovadora para fortalecer as áreas rurais transfronteirizas.
- Martín Guillermo Ramírez, secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) con sede en Gronau (Alemaña), quen abordará o tema O futuro das AECT en Europa, reflexionando sobre o papel destas agrupacións no fortalecemento da cooperación rexional.
- Oliverio Graça, técnico superior de Cooperación Territorial Europea na Axencia para o Desenvolvemento e Cohesión (AD&C) de Lisboa, que exporá as novas fontes de financiamento para proxectos de cooperación no ámbito do programa Interreg.