Ourense acollerá o peche do Hackathon de Turismo Policéntrico Intelixente

OurenseXa
A iniciativa comezou o 13 de outubro e, durante estas semanas, equipos multidisciplinares traballaron en cinco grandes retos relacionados coa sustentabilidade e o turismo intelixente na provincia
Edificio-de-ferro-campuss-ourense-recurso
23 Oct 2025

A Deputación Provincial de Ourense, en colaboración con Área101, prepara a xornada presencial e a entrega de premios do Smart Polycentric Tourism Hackathon, que se celebrará este sábado 25 de outubro na Facultade de Dereito do Campus de Ourense. A iniciativa desenvólvese no marco do proxecto europeo POST (Polycentric Sustainable Tourism), cofinanciado polo programa Espazo Atlántico 2021-2027.

Durante estas semanas, os equipos traballaron en cinco grandes retos co obxectivo de “mellorar a distribución do turismo en Ourense e ofrecer unha experiencia máis inclusiva, sostible e accesible”.

Os retos abordados inclúen a gamificación cultural e rural para xerar experiencias interactivas que fomenten a exploración e coidado do territorio; mobilidade verde e accesible para que os desprazamentos turísticos sexan sostibles; resiliencia ao cambio climático e recuperación da paisaxe; e sistemas de incentivos que promovan unha exploración consciente e equilibrada dos distintos lugares da provincia.

A xornada do 25 de outubro centrarase na creación de prototipos e retroalimentación continua, cos equipos, apoiados por mentores expertos, perfeccionando as súas solucións e presentándoas ante un xurado especializado, convertendo este peche nunha plataforma para xerar solucións sostibles, escalables e adaptadas ao territorio.

O deputado de Innovación, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e A2030, Jorge Pumar Tesouro, destacou na última sesión virtual previa ao evento que “todos se enfrontaron a cinco grandes retos que definen a encrucillada do turismo moderno”. Engadiu: “Fixémolo en Ourense, porque a nosa provincia, coa súa riqueza termal, o seu contorno rural, a súa historia e os seus contrastes xeográficos, é o escenario perfecto para buscar solucións replicables en calquera lugar”.

Pumar sinalou tamén que os participantes non só presentaron solucións a problemas reais, como a onda de incendios sufrida este verán, senón que deseñaron “a folla de ruta para unha provincia que quere ser líder na integración de tecnoloxía e sustentabilidade, trascendendo máis aló do Hackathon”.

⚙ Configurar cookies
0.15054702758789