Ourense acollerá o V Congreso Internacional da Auga entre o 25 e o 27 de setembro

OurenseXa
Organizado polo Campus Auga, esta nova edición leva por título 'A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar'
Prresentación do V Congreso Internacional da Auga
Presentación do V Congreso Internacional da Auga
11 Sep 2024

O Campus Auga da Universidade de Vigo, vén de presentar o Congreso Internacional sobre a auga que leva por título 'A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar'.

Este congreso celebrarase entre o 25 e o 27 de setembro de forma paralela e complementaria á vixésimo segunda edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Termatalia, convertendo a Ourense no epicentro do coñecemento sobre a auga termal. O obxectivo deste congreso é ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados coa auga, dedicando especial atención á xestión empresarial e turística de recursos hídricos como as augas termais.

A iniciativa enmárcase nas actuacións do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia. Cada edición, a organización do congreso rota entre as diferentes facultades e escolas deste campus. Así, nesta ocasión está organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ademais do Vicerreitorado do Campus de Ourense, e conta coa colaboración de Expourense /entidade organizadora de Termatalia) e o apoio da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense. O programa levará a cabo os días 26 e 27 na devandita facultade. Previamente, o día 25 pola tarde, os participantes sumaranse á celebración da feira Termatalia en Expourense.

No acto de presentación, Francisco Javier Rodríguez, reitor do campus de Ourense, lembrou que a acreditación do Campus da auga trouxo consigo financiamento para actividades como este congreso. Este evento destacou que permite “dar visibilidade ao Campus da auga” e profundar en temas estratéxicos para el e para a provincia como a xestión térmica. Pola súa banda, Rogelio Martínez, director xeral de Expourense, destacou que este congreso exemplifica a cooperación existente entre Expourense e a Universidade de Vigo, explicando que “desde hai varios anos o Campus da auga é un socio estratéxico de Termatalia, tentando colaborar en cada edición sen importar onde se celebre a feira”, afirmou.

Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e presidenta do comité organizador do congreso, foi a encargada de detallar as características do evento, agradecendo a colaboración das entidades implicadas. O congreso ten un carácter multidisciplinar, abordando aspectos específicos relacionados coa temática da auga, como a súa xestión nas empresas e o turismo, o patrimonio acuático, o turismo deportivo e o turismo termal.

Concretamente, no V Congreso Internacional da Auga presentaranse máis de 40 traballos en diferente formato, desde comunicacións a paneis, centrados arredor do 40% deles na xestión termal e o resto en temáticas de economía empresarial, economía circular e actividade turística. Ademais, o programa inclúe mesas redondas (sobre temas como o termalismo como fonte de saúde e benestar); conferencias (sobre temáticas como a economía circular na xestión da auga); talleres e a entrega dun premio á mellor comunicación na área de xestión da auga, concedido pola Asociación Científica de Economía y Dirección de la Empresa (ACEDE). O congreso, lembran por último desde a súa organización, está destinado a investigadoras e investigadores da comunidade universitaria, persoal de I+D de entidades públicas ou privadas que traballan sobre a temática da auga en diferentes escalas e persoas interesadas.

0.16398191452026