Ourense acollerá un encontro europeo sobre termalismo sostible e cambio climático

O Balneario de Laias será a sede, do 20 ao 22 de outubro, da reunión transnacional do proxecto europeo ThermEcoWat, que reunirá a expertos e representantes institucionais de España, Francia e Portugal.
Durante tres días, Ourense converterase no punto de encontro europeo para debater sobre o futuro do termalismo e o seu papel na adaptación ao cambio climático. O Balneario de Laias acollerá o Obradoiro ThermEcoWat Ourense–Laias, un evento que combinará sesións científicas, grupos de traballo e visitas técnicas centradas na xestión sostible dos recursos termais.
O encontro está coordinado pola Deputación Provincial de Ourense, que actúa como anfitrioa dentro do proxecto europeo ThermEcoWat, financiado polo programa Interreg Sudoe 2021-2027. A iniciativa busca preservar o patrimonio termal do suroeste de Europa e desenvolver estratexias de sustentabilidade fronte aos efectos do cambio climático.
O consorcio internacional do proxecto está formado por institucións de referencia como o Bureau de Recherches Géologiques et Minières (BRGM) e Thermauvergne (Francia), o Institut Cartogràfic i Geològic de Catalunya (ICGC), o Centro Nacional IGME-CSIC, a Universidade de Vigo, o Ajuntament de Caldes de Montbui e as Termas de São Pedro do Sul (Portugal), entre outras entidades colaboradoras.
Durante o obradoiro abordaranse temas como a resiliencia dos ecosistemas termais, o aproveitamento enerxético das augas termais e a innovación tecnolóxica aplicada á xestión hídrica. O programa inclúe tamén visitas a A Chavasqueira, As Burgas e ao Campus de Ourense, onde se amosarán exemplos do potencial xeotérmico da provincia.
O deputado provincial de Innovación, Jorge Pumar, subliñou que “Ourense conta cun dos seus maiores activos naturais e económicos nos balnearios termais. Este encontro reforza a nosa vocación europea e o noso compromiso cun modelo de desenvolvemento sostible, baseado na innovación, as enerxías limpas e a xestión responsable da auga”.
O evento reunirá máis de trinta especialistas de distintos países e disciplinas, e enmárcase no Obxectivo Específico 2.5 do programa Interreg Sudoe, centrado no acceso e na xestión sostible da auga. As conclusións servirán para deseñar novas ferramentas de gobernanza colaborativa que permitan anticipar os efectos do cambio climático e promover un uso responsable dos recursos termais nas comunidades do suroeste de Europa.