Ourense acollerá unha nova edición da Feira da Chinita o 9 de novembro no Campo da Feira

OurenseXa
A feira incluirá un amplo programa de actividades, entre elas degustacións de comida típica venezolana, actuacións musicais, expositores empresariais, actividades infantís e a tradicional elección da Raíña
presentacion-feria-chinita
23 Oct 2025

O Campo da Feira de Ourense converterase o próximo domingo 9 de novembro no punto de encontro da comunidade venezolana en Galicia coa celebración dunha nova edición da Feira da Chinita, un evento que conta coa colaboración do Concello e que se enmarca dentro das festividades de San Martiño. A xornada, que se desenvolverá desde as 12:00 ata as 22:00 horas, será de entrada gratuíta e espérase que reúna a máis de 4.000 persoas.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira Ana Fernández recibiron este mércores ao equipo organizador deste evento, que alcanza a súa novena edición na cidade. A feira ofrecerá un programa variado de actividades, entre as que se inclúen degustacións de comida típica venezolana, actuacións musicais, expositores empresariais, actividades infantís e a elección da Raíña.

Entre os artistas confirmados atópanse Miguel Moly, Los Coleguitas, Gaiteros del Zulia, Misael Sánchez e Elymar Zuryta, ademais dun DJ que animará o ambiente durante todo o día.

“Tendremos de todo: gastronomía, expositores e actuacións musicais”, explica Yéssica Álvarez, organizadora do evento, quen destaca a alta participación que a feira consegue cada ano. “É a Feira de toda Galicia. Conseguimos este marabilloso espazo que é o Campo da Feira, e levamos aquí oito edicións consecutivas. O ano pasado reunimos a 4.000 persoas e este ano esperamos recibir aínda máis. Temos artistas como Miguel Moly, o rei do merengue venezolano, que actuará en Ourense por primeira vez en Galicia. Ademais, cada ano recibimos a máis ourensáns que veñen porque lles gusta esta festa, a música ou a gastronomía: haberá arepas, hallacas, cachapas, empanadas... Ademais, teremos actividades durante todo o día”, asegura.

⚙ Configurar cookies
0.070459127426147