Ourense acollerá unha xornada informativa sobre as axudas Nexos para impulsar a I+D+i empresarial

A cidade de Ourense converterase o vindeiro mércores, 4 de setembro, nun dos epicentros da innovación galega coa celebración dunha xornada informativa sobre o novo programa Nexos, a maior convocatoria posta en marcha pola Xunta de Galicia para apoiar a I+D+i colaborativa entre empresas e centros de coñecemento.
O encontro desenvolverase ás 11:00 horas na sede da Confederación Empresarial de Ourense, situada na praza das Damas, 1. Está dirixido a pemes e agrupacións de empresas interesadas en presentar proxectos de investigación, desenvolvemento ou innovación que dean resposta a ámbitos estratéxicos para Galicia como a agroalimentación, a saúde e o benestar, a economía circular, a enerxía ou a fabricación avanzada.
Durante a sesión, o persoal técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ofrecerá información detallada sobre a convocatoria e resolverá dúbidas das persoas asistentes. Ademais, facilitarase apoio práctico para tramitar as solicitudes, que poderán presentarse ata o 22 de setembro a través da Axencia Galega de Innovación.
O programa Nexos está dotado con 28 millóns de euros, unha cifra sen precedentes neste tipo de axudas, e ten como obxectivo mobilizar arredor de 47 millóns de investimento público-privado ata 2028. Prevese apoiar uns 50 proxectos con participación de máis de 200 beneficiarios.
Esta iniciativa forma parte do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 e do programa Activa I+G+i, co que a Xunta destina preto de 53 millóns a fomentar a colaboración empresarial e a transferencia de coñecemento, cofinanciados polo programa Galicia Feder 2021-2027 da Unión Europea.