Ourense acolleu a presentación do Acordo Rural, unha iniciativa para impulsar o futuro dos municipios

OurenseXa
O encontro busca xerar consensos e construír unha folla de ruta común para afrontar os principais desafíos do medio rural, desde o despoboamento ata a transición enerxética ou o relevo xeracional
presentacion-acordo-rural
28 Oct 2025

Ourense converteuse este luns no punto de partida do Acordo Rural: Liderando a transición desde os municipios rurais, unha cita que pretende marcar un punto de inflexión nas políticas dirixidas ao desenvolvemento e á sustentabilidade do mundo rural en España e en Europa.

A iniciativa, respaldada pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico e a FEMP, reunirá os días 28 e 29 de outubro a representantes institucionais, universidades, entidades sociais e empresariais, ademais de municipios de todo o país —entre eles Asturias, Cantabria, A Rioxa, Cáceres, Valencia, Toledo ou Ávila— e diversas experiencias internacionais.

O encontro busca xerar consensos e construír unha folla de ruta común para afrontar os principais retos do medio rural, desde o despoboamento ata a transición enerxética ou o relevo xeracional. Durante as xornadas presentaranse casos de éxito como os de Ostana (Italia), Quintadona (Portugal), Kuartango (País Vasco) ou Esplús (Aragón), seguidos de mesas de traballo centradas en temas como vivienda e rehabilitación, emprego verde, dixitalización ou recuperación de terras. As conclusións recolleranse nun documento estratéxico final que aspira a converterse en referencia para as políticas rurais do futuro.

O Comité de Expertos que guía o proxecto está formado por Jaime Izquierdo, escritor e referente en transición rural; Juan Carlos Pérez, emprendedor e fundador de Aldealista; Manuel Rodríguez, director da Fundación RIA; e Inés Santé, profesora do Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela.

Na presentación ante os medios interviñeron Luis Milia, alcalde de Carballeda de Avia e impulsor da iniciativa, xunto con Inés Santé e Juan Carlos Pérez. Milia lembrou que a proposta naceu precisamente en Carballeda de Avia, “coa intención de que os concellos rurais teñan voz propia e sexan recoñecidos como protagonistas desta transición”.

Os promotores insistiron en que o Acordo Rural non pretende ser un evento puntual, senón “o inicio dun movemento” que sitúe o medio rural no centro da axenda política, económica e social. O seu obxectivo, subliñaron, é recoñecer o papel esencial dos pobos na transición ecolóxica, enerxética e dixital, así como en ámbitos clave como a sustentabilidade alimentaria, a xeración de enerxías renovables e a loita contra o cambio climático.

Durante dous días, Ourense converterase no epicentro do debate rural europeo, cunha mensaxe clara: os pobos non son pasado, son clave para o futuro e para o equilibrio territorial.

⚙ Configurar cookies
0.072294950485229