Ourense acolleu un debate sobre o impacto ambiental de Altri, Touro e Ence nas rías galegas

O colectivo Ourense Vivo, adscrito á plataforma Ulloa Viva, celebrou este martes en Ourense un acto informativo e de debate aberto no que se analizou o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e o da reapertura da mina de Touro-O Pino, poñendo o foco nos seus efectos sobre o río Ulla e a Ría de Arousa, así como a presenza de Ence na Ría de Pontevedra.
No encontro participaron a voceira da plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá; o voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido; e o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa.
Gontá repasou os máis de tres anos de loita da veciñanza da Ulloa, o Deza, Terra de Melide e Arzúa —as comarcas directamente afectadas pola macrocelulosa— contra o proxecto de Altri-Smarttia (propietaria do 95 % de Greenalia). A voceira lembrou que durante estes anos a cidadanía “respondeu con máis de 27.000 alegacións en contra deste proxecto”. Ademais, explicou que a plataforma contou co apoio de diversas organizacións “que nos axudaron de maneiras moi diversas, conseguindo que máis de 100.000 persoas berraran alto e claro en Compostela Altri Non”, así como de “voces discordantes do PP que tamén sufriron moito nesta loita e que están a dar a batalla internamente”.
A voceira de Ulloa Viva relatou en Ourense “as dificultades ás que a plataforma se tivo que enfrontar desde o comezo”, polas “trabas administrativas” ou polo “maltrato” de Altri e da Xunta, e criticou que “no canto dun goberno que protexe aos seus gobernados, topamos cunha administración que entendía que tiña que protexer antes a unha multinacional portuguesa que á veciñanza galega”. Todo ese “sufrimento ao que está sometida a veciñanza”, dixo Gontá, derivou nunha “gran carga emocional” que as veciñas “temos que xestionar soas”.
Porén, asegurou que desde Ulloa Viva seguirán loitando para defender “o futuro das nosas fillas”, e insiste en que a plataforma non contempla “outra opción que non sexa que Altri abandone o Proxecto Gama”. Para Gontá resulta “incomprensible” que a Xunta utilice “a administración pública a favor dos beneficios privados dunha multinacional portuguesa a conta de roubarlle a saúde, a terra e a auga ás nosas fillas”.
“Haberá futuro para as nosas fillas mal que lle pese”, afirmou Gontá ante a cidadanía ourensá, e fixo un chamamento para “volver encher Compostela este 14 de decembro e cantas veces faga falta para botar esta peste da nosa terra”.
Pola súa parte, o voceiro da PDRA, Xaquín Rubido, denunciou “o escuro e indigno proceso” da tramitación do proxecto de Altri e a “implicación da sociedade público-privada Impulsa, na que a Xunta tiña un 48 % e que foi fulminada polo goberno de Rueda o pasado mes de agosto”. Advertiu de que “hai moita información que debería ser pública e que a Xunta nos está ocultando”, poñendo de exemplo o memorandum asinado en 2021 entre Altri e Impulsa que a Xunta, di, “oculta á veciñanza, aos partidos políticos, ao Parlamento e até á Valedora do Pobo”.
Rubido denunciou que o proxecto suporía “a estocada final” para o sector pesqueiro e marisqueiro da Ría de Arousa, “a máis importante de Galicia, España e Europa, e un potente motor da nosa economía”.
“No caso de Altri, o río Ulla ao que a macrocelulosa pretende verter 30 millóns de litros de auga diarios con 62 toneladas de compostos químicos, 60 toneladas diarias de sulfatos, 0,4 toneladas diarias de nitróxeno e outras 0,1 toneladas diarias de fósforo formarían un cóctel mortal de 22.300 toneladas de verteduras anuais de Altri ao Ulla, un río que abastece desde a Ulloa até a Ría de Arousa a 11 concellos e máis de 145.000 habitantes”, explican ambas organizacións nun comunicado.
Rubido referiuse tamén a Altri e á mina de Touro-O Pino para asegurar que o uso e contaminación da auga do río Ulla que ambos proxectos provocarían terían un “efecto devastador” na produción marisqueira, xa mermada na Arousa. “A menos caudal, menos dilución da contaminación”, lembrou Rubido, quen explicou tamén que a contaminación vertida ao río Ulla en Palas ou en Touro “tarda entre 18 e 24 horas en chegar á Ría de Arousa”.
Por último, o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa, subliñou en Ourense que a loita contra a presenza de Ence na Ría de Pontevedra e a oposición á instalación de Altri na comarca da Ulloa “son partes inseparábeis dunha única loita”.
Explicou que desde o inicio do conflito arredor do proxecto da macrocelulosa, o lema “Nin Ence na Ría nin Altri na Ulloa, Celulosas fóra” se converteu nun “berro conxunto” da cidadanía galega.
Masa insistiu na “importancia que ten coñecer como chegou a celulosa Ence á Ría de Pontevedra e cales foron os efectos da súa presenza en Lourizán sobre o medio ambiente, os recursos naturais, a economía da comarca e a saúde e a calidade de vida das persoas que vivimos nela”. Sinalou que este “mal exemplo” serve para entender “a necesidade de botar todos os esforzos necesarios para evitar que a situación se reproduza na comarca da Ulloa coa chegada de Altri”.
Durante a súa intervención lembrou tamén que, nos anos 70 e 80, “nos que houbo numerosos intentos por instalar novas celulosas na Galiza”, a experiencia vivida en Pontevedra con Ence foi “fundamental para conseguir un rexeitamento masivo en todos e cada un dos lugares onde se pretenderon instalar”.
No contexto actual, Masa afirmou que na APDR “estamos convencidas de que tamén agora este coñecemento do que supuxo a chegada de Ence á nosa Ría será unha ferramenta importante para impedir a instalación de Altri”, un obxectivo ao que asegurou que “non imos renunciar”. Engadiu, ademais, que “insistiremos no papel fundamental da mobilización social para conseguir este obxectivo común”, unha mobilización que terá unha nova cita o 14 de decembro en Compostela.