Ourense activa a liña 23 de autobuses urbanos entre o Xardín do Posío e Oira

O Concello de Ourense puxo en marcha desde hoxe a liña número 23 de autobuses urbanos, que conecta o Xardín do Posío con Oira, co obxectivo de facilitar o desprazamento ás piscinas e á zona recreativa durante o verán. Este servizo estará operativo ata o 31 de agosto, con saídas desde as 15:00 até as 21:40 horas cada 40 minutos desde O Posío, realizando paradas en puntos como a Alameda, Progreso, Parque de San Lázaro, Curros Enríquez, Ponte Nova, Viaducto, Peliquín e Alfredo Brañas. As viaxes de regreso comezan ás 15:20 e conclúen ás 22:00 horas, con paradas en Peliquín, Viaducto, Curros Enríquez, Parque de San Lázaro, Xoán XXIII e Alameda.
Por outra banda, o Tren Turístico das Termas de Outariz (liña 19) non funcionará o sábado 21 e o domingo 22 de xuño debido aos cortes de tráfico previstos na rúa Pardo de Cela e na Ponte Romana por mor das Festas de Ourense 2025. As persoas que queiran acceder ás Termas de Outariz en transporte público poderán utilizar a liña 5 dos autobuses urbanos (Ceboliño-Reza), que conta con parada próxima á pasarela de Outariz.