Ourense, Allariz, Celanova e Verín acollen este xoves mobilizacións polos incendios

Este xoves 21 de agosto, a plataforma ‘Por un monte Galego con Futuro’ convoca mobilizacións en distintos puntos de Galicia para protestar contra a política forestal da Xunta de Galicia. Baixo o lema “A política forestal do PP queima os nosos montes e as nosas casas”, denuncian que a actual vaga de incendios en Galicia é consecuencia directa da xestión do executivo galego.
Na provincia de Ourense, as concentracións terán lugar na capital (Praza Maior), así como en Celanova (Praza Maior), Verín (Praza do Concello) e Allariz (Campo da Barreira). Todas se desenvolverán de forma simultánea ás 20:00 horas.
A plataforma, da que forma parte a CIG, busca visibilizar que, ademais do cambio climático, o abandono do rural e o monocultivo de especies de rápido crecemento son factores determinantes nas sucesivas vagas de incendios. Reclaman unha moratoria indefinida para novas plantacións de eucaliptos ante o próximo fin da moratoria decretada pola Xunta para o 31 de decembro.
Tamén critican o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA), considerado “unha ferramenta inútil”, aprobado sen debate nun Consello Forestal onde non están representadas todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural.
Ademais, as mobilizacións queren amosar solidariedade coas persoas afectadas polos incendios e cos profesionais de prevención e extinción, que traballan en condicións de precariedade e falta de medios, reclamando un Servizo Público de Bombeiros Forestais coa capacidade necesaria para atender a realidade actual.
Por último, destacan que a verdadeira política de prevención require un monte multifuncional e sostible, coa implicación da veciñanza e dos titulares privados, e piden á Consellería do Medio Rural que retome as axudas para a valorización integral do monte e as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR).