Ourense avanza na implantación da Axenda 2030 na provincia
A sala de xuntas da Deputación de Ourense acolleu a primeira reunión do proxecto OU DS AXENDA 2030, financiado polo Ministerio de Dereitos sociais e A2030. Esta reunión, de marcado carácter técnico, presentaba o traballo de diagnóstico interno realizado nesta primeira fase, sentando as bases do proxecto, que aspira a lograr a implantación da A2030 na Deputación de Ourense e 18 entidades locais da provincia de Ourense.
A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas e ratificada por 193 países, é un chamamento para erradicar a pobreza, a mellorar as condicións de vida da poboación e a conseguir a rápida transición cara a unha economía baixa en emisións de carbono e resiliente ao cambio climático. Concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, aprobados polas Nacións Unidas en setembro de 2015.
Jorge Pumar Tesouro, deputado de Innovación, ODS e Axenda 2030, estivo acompañado polos directores de área da institución provincial, os cales analizaron os modelos de toma de datos cos que traballarán os diferentes servizos para o diagnóstico interno da institución en materia de ODS.
Este encontro sentou as bases estratéxicas do proxecto e a folla de roteiro previsto para que a Deputación de Ourense coñeza a súa contribución ao cumprimento dos 17 ODS.
Esta primeira reunión do OU DS A2030 dará como resultado un diagnóstico da achega que a Deputación realiza a estes obxectivos, do aliñamento dos programas e proxectos que xa se executan en función destes para, con todo iso, realizar propostas recollidas nun plan de acción que se axuste ás necesidades e características do territorio e da poboación ourensá.
Na segunda fase realizarase este traballo técnico con 18 concellos, así como centraranse os esforzos en sensibilizar e fomentar a participación social a través de iniciativas de difusión e información dos ODS nas principais feiras e centros escolares dos 18 concellos seleccionados para participar no proxecto.
Jorge Pumar puntualiza que a próxima semana todos os concellos da provincia recibirán información sobre o proxecto e serán convidados a realizar unha enquisa para coñecer a súa implicación cos ODS. O interese dos concellos na iniciativa será clave na selección dos mesmos para participar no proxecto.