Ourense avanza na loita contra os incendios forestais

OurenseXa
Técnicos e axentes forestais, catro brigadas, a UIFO, catro motobombas, así como efectivos do GES de Pereiro de Aguiar e bombeiros do Parque Municipal de Ourense e do Polígono de San Cibrao participaron onte nun simulacro de incedio de nivel 2
simulacro-incedios-ourense
Simulacro de Incendio en Ourense
15 May 2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participaron este mércores xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, no simulacro de Activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga) e o seu paso a situación 2 por dous incendios forestais no concello de Ourense, o primeiro orixinado no lugar de Naves e o segundo en Canibelos, afectando este último tamén os lugares de Sabadelle e Tibiás, no Pereiro de Aguiar.

Con este exercicio trátase de simular unha emerxencia provocada por varios incendios forestais para avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes. Deste xeito, ademais de comprobar a operatividade do Peifoga serve para probar a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).

O simulacro permite ademais adestrar os sistemas de comunicación, como informar á poboación das medidas de autoprotección e, sobre todo, testar as tarefas asignadas aos distintos grupos operativos e grupos de control.

A actividade realizada hoxe requiriu a constitución de centros de mando e control -o Centro de Coordinación Operativa (CECOP), Sala de Control Operativo (SACOP), Centros de Coordinación de Medio Rural e dous Postos de Mando Avanzado (PMA)- e a activación do Punto de Recepción de Medios (PRM).

Participaron dez técnicos e axentes forestais, catro brigadas, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e catro motobombas, así como efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) do Pereiro de Aguiar e bombeiros do Parque Municipal de Ourense e do Polígono de San Cibrao das Viñas.

No que se refire ao apoio loxístico e de seguridade colaboraron efectivos de forzas e corpos de seguridade -Unidade de Policía Nacional Adscrita a Galicia (UPA), Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local de Ourense-, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Ourense, Barbadás e O Pereiro de Aguiar.

Ademais da extinción, neste simulacro, os participantes adestraron actividades como a realización de cortes de estradas ou a elaboración dunha mensaxe a través do sistema Es Alert con medidas de protección á poboación.

⚙ Configurar cookies
0.16382122039795