Ourense celebrará o Día da Danza cunha mostra de grupos locais en cinco espazos da cidade

O Concello de Ourense organiza este ano unha nova edición do Día Internacional da Danza, que contará cunha mostra de bailaríns e bailarinas da cidade en diferentes prazas e espazos urbanos. A iniciativa busca ofrecer ás agrupacións, academias, escolas e compañías locais unha oportunidade para exhibir o seu traballo e poñer en valor a diversidade de estilos e disciplinas que se practican na cidade.
O prazo para presentar propostas estará aberto do 16 ao 30 de marzo, ambos incluídos, e poderá realizarse a través do Rexistro Xeral ou da Sede Electrónica do Concello. As coreografías presentadas terán temática libre e poderán abranguer estilos clásicos, contemporáneos, modernos, jazz, folclore, street dance, k-pop, danza árabe, danza espectáculo, performance, danza urbana e outras modalidades.
As actuacións celebraranse en cinco espazos de Ourense: o Parque de San Lázaro, os Xardíns do Padre Feijóo, o Eironciño dos Cabaleiros, a Praza de San Martiño e a Praza Maior.
A través desta actividade, organizada pola Concellería de Xuventude, o Concello pretende celebrar a riqueza da danza na cidade, visibilizar o traballo das agrupacións locais e promover a danza como unha ferramenta de relación social e de integración para a mocidade.