Ourense conmemorou o 150 aniversario do xornal “O Tío Marcos d’a Portela” coincidindo co Día dos Medios en Galego

OurenseXa
Editada por Valentín Lamas Carvajal, foi a primeira cabeceira periódica escrita integramente en galego
liceo-aniversario-medios-en-galego-amega
7 Feb 2026

A cidade de Ourense celebrou este venres un acto para conmemorar o 150 aniversario da primeira publicación do xornal “O Tío Marcos d’a Portela”, coincidindo co Día dos Medios en Galego.

O acto, organizado por AMEGA, tivo lugar no Liceo e puxo en valor o compromiso dos medios galegos coa lingua, coa cultura e coa información de proximidade, nun momento marcado pola transformación dixital, a intelixencia artificial e os retos da desinformación.

A inauguración correu a cargo da concelleira de Artes e Festexos do Concello de Ourense, Noa Rouco, e o presidente de da Asociación de Medios en Galego, Fernando Paz, que resaltaron o papel deste xornal credo en 1976 da man de Valentín Lamas Carvajal e que supuxo a primeira cabeceira periódica escrita integramente en galego.

Durante o acto, distintos expertos abordaron os retos actuáis da información, poñendo énfase no uso da Intelixencia Artificial e o papel que xogan as redes sociais nas novas formas de comunicar. Xa pola noite, tivo lugar unha gran foliada na Praza de San Martiño, que reuniu a destacadas agrupacións da música tradicional ourensá, como A Galleira, A Cunheira, Feitizo de Pau, Escola Provincial de Danza-Castro Floxo e a Coral de Ruada.

Para rematar as conmemoracións, este sábado tivo lugar un roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal, con saída desde o Cemiterio de San Francisco e percorrido por diferentes espazos emblemáticos da cidade vinculados á súa figura, que rematará cun cocido no Liceo de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.081470012664795