Ourense consolídase como referente na formación sobre cirurxía do pé e nocello

OurenseXa
O CHUO acolleu por décimo cuarto ano a Xornada de Patoloxía de Pé e Nocello reafirmándose como un referente nacional na abordaxe cirúrxica das patoloxías do pé e do nocello
servizo-trauma-chuo
19 Oct 2025

O Hospital Universitario de Ourense celebrou esta semana a 14ª Xornada de Patoloxía de Pé e Nocello, un encontro que desde o ano 2010 se converteu nunha cita de referencia para especialistas en traumatoloxía de toda España. Organizadas polo Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, as xornadas céntranse este ano nas complicacións das patoloxías do mediopé e do retropé, combinando relatorios, análise de casos clínicos e talleres prácticos.

Na edición deste 2025 participaron medio cento de profesionais en formación, ademais de dous dos maiores referentes nacionais nesta especialidade, os doutores Manuel Monteagudo e Jesús Vilá Rico, considerados entre os “top ten” da traumatoloxía española.

O xefe do servizo de Traumatoloxía, Benito Ramos, que asumiu por primeira vez a presentación como responsable do servizo, destacou o valor formativo e humano destas xornadas, “un curso que se fai entre compañeiros e que ano tras ano mantén vivo o espírito co que naceu”, recordando tamén o labor do doutor Ernesto Mazaira, impulsor orixinal do evento.

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, foi o encargado de inaugurar a xornada, poñendo en valor a traxectoria desta iniciativa e o traballo do equipo organizador encabezado polo doutor Antonio Fernández Cebrián e as doutoras Silvia Villardefrancos, Noelia Dopazo e Catuxa Pena. Camba subliñou a importancia da formación continua e do intercambio de experiencias “para manter a excelencia do noso sistema sanitario”.

O programa científico incluiron ponencias sobre fracturas de astrágalo, lesións de Lisfranc e artrodeses de mediopé, entre outros temas. Monteagudo e Vilá impartirán ademais un taller práctico de exploración en directo, centrado en patoloxías complexas como o pé plano do adulto, as luxacións de Chopart ou as artrodeses dolorosas. As xornadas concluiron cun coloquio aberto titulado “O que sempre quero preguntar e non me atrevo”, onde os asistentes poderán expor dúbidas e casos clínicos reais, reforzando o carácter participativo e formativo dunha cita que, tras catorce edicións, continúa consolidando a Ourense como un referente nacional na abordaxe cirúrxica das patoloxías do pé e do nocello

⚙ Configurar cookies
0.073547124862671