Ourense contará cun programa de termalismo para persoas con deterioro cognitivo leve

OurenseXa
O programa é froito da colaboración entre a Deputación e Afaor, e basearase no desenvolvemento de talleres de estimulación cognitiva combinados con actividade física
Balneario de Lobios
31 May 2025

A Deputación de Ourense pon en marcha un programa experimental de Termalismo contra a deterioración cognitiva leve (DCL), coa fin de afondar na detección temperá de enfermidades neurodexenerativas e na xeración de hábitos saudables como a actividade física de mantemento.

Este programa é froito da colaboración pública da institución provincial co terceiro sector, -a través da Asociación Afaor-, e basearase no desenvolvemento de talleres de estimulación cognitiva combinados con actividade física de prevención e mantemento na auga mineromedicinal termal das piscinas dos balnearios.

A primeira actuación do programa experimental iniciarase o próximo 9 de xuño no Balneario OCA Vila de Allariz e o prazo para solicitar praza comeza este luns, 2 de xuño.

O prezo subvencionado do programa será de 75 euros polos catro meses de talleres, as prazas poderanse solicitar desde o luns 2 de xuño por internet na dirección www.raiatermal.com ou presencialmente na área de Benestar da Deputación de Ourense, na Asociación Afaor ou a través dos servizos sociais municipais que así o consideren.
Para calquera dúbida estará a disposición os teléfonos da institución provincial, 988 317 863, de 8:30 a 14:30 horoas.

TERMALISMO CONTRA O DCL

Enténdese por DCL (Deterioración Cognitiva Leve) o declive das funcións cognitivas en grao leve, xa sexa debido ás alteracións atribuíbles ao proceso fisiolóxico do envellecemento, ou a outros factores, sen ser de suficiente intensidade como para establecer o diagnóstico de demencia.

O que caracteriza aos procesos de deterioración cognitiva son, por unha banda, a perda de memoria e, polo outro, a perda de habilidades.

O DCL é un proceso sobre o cal se poden propoñer diversaS intervencións terapéuticas. Os expertos poñen o foco na importancia non só de identificar esa condición, senón tamén a posibilidade de accións terapéuticas. Neste contexto, a Deputación de Ourense, en colaboración cos balnearios da provincia, e co terceiro sector, nesta caso, a Asociación Afaor, poñen en marcha o primeiro programa experimental de termalismo conta o DCL.

A nivel de toda España máis de 800.000 persoas diagnosticadas xunto aos seus familiares e coidadores conviven co alzhéimer e esta cifra segue en aumento.

A deterioración cognitiva é un síntoma común na fase temperá de diversas enfermidades psiquiátricas e neurodexenerativas. No caso do alzhéimer, unha detección en fase temperá pode chegar a mellorar a calidade de vida das persoas ata en 10 anos así como reducir os seus efectos ata nun 40%.

Unha actuación rápida ante un sinal de deterioración cognitiva permite tomar medidas que axuden a retardar o avance dunha enfermidade ou mitigar os seus efectos.

Tamén vai permitir levar a cabo unha planificación de decisións anticipadas de maneira consciente que preparen ao paciente e os seus familiares con antelación.

A deterioración cognitiva tamén se asocia a outras enfermidades ligadas á saúde mental como a depresión, a ansiedade crónica ou as adiccións. A detección temperá e os hábitos de vida saudables axudan a reverter isto, mellorando as posibilidades de volver ter unha funcionalidade normal sen chegar a que se desenvolvan outras patoloxías.

⚙ Configurar cookies
0.16789984703064