Ourense contará cunha nova oficina tributaria en liña para facilitar os trámites municipais

OurenseXa
O novo espazo estará dispoñible a partir deste luns, 22 de setembro
Concello-Ourense-recurso
19 Sep 2025

O Concello de Ourense poñerá en funcionamento o luns 22 de setembro unha nova oficina tributaria en internet co obxectivo de simplificar a realización de trámites relacionados con taxas e impostos municipais. O acceso poderá facerse a través da ligazón.

Entre as xestións dispoñibles inclúese a consulta do calendario fiscal, a revisión de recibos para comprobar cales están aboados ou pendentes, así como a descarga de xustificantes e cartas de pagamento. Tamén permitirá acceder á información sobre os obxectos tributarios a nome de cada persoa usuaria, descargar modelos de solicitudes habituais e xerar autoliquidacións ou certificados de estar ao corrente co Concello.

Ademais, a oficina ofrecerá a posibilidade de obter certificados do padrón municipal —individuais ou históricos— e consultar o estado das multas. Nunha fase posterior, tamén se habilitará o pago de tributos directamente en liña.

Este novo espazo agrupa nunha única interface servizos que ata agora estaban repartidos na sede electrónica do Concello, incorporando novas funcionalidades e redirixindo automaticamente aos usuarios desde as antigas ligazóns.

⚙ Configurar cookies
0.10244083404541