Ourense converterase no epicentro da comunicación en lingua galega coa celebración do Día dos Medios en Galego 2026

GaliciaXa | OurenseXa
Será os días 6 e 7 de febreiro, coincidindo co 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela, e contará cun coloquio e una foliada na Praza de San Martiño, así como un roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal da man de AMEGA
amega-dia-dos-medios-en-galego
31 Jan 2026

Ourense converterase os días 6 e 7 de febreiro no epicentro da comunicación en lingua galega coa celebración do Día dos Medios en Galego 2026, organizado pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA). A cidade das Burgas será, durante dous días, punto de encontro para profesionais, institucións e cidadanía arredor dun mesmo obxectivo: garantir que o galego teña presente e futuro tamén no ámbito da comunicación e da intelixencia artificial.

Será unha edición moi especial que coincide co 150 aniversario da publicación de O Tío Marcos d’a Portela, a primeira cabeceira periódica escrita integramente en galego, coa que AMEGA busca reivindicar o papel histórico dos medios en galego e a súa plena vixencia no presente, impulsando un espazo de encontro, reflexión e celebración colectiva arredor da comunicación, a innovación e o futuro da lingua no ámbito mediático.

Con esta iniciativa, a asociación busca amosar a diversidade, a profesionalidade e o compromiso dos medios galegos coa lingua, coa cultura e coa información de proximidade, nun momento marcado pola transformación dixital, a intelixencia artificial e os retos da desinformación.

A xornada do venres, 6 de febreiro, comezará no Liceo de Ourense cun coloquio sobre Intelixencia Artificial, redes sociais, alfabetización dixital e desinformación, que contará coa presenza de Joxe Rojas, director de TIC e Comunicación de Tokikom, Ferran Pedrix, director de Sistemas e I+D+I en Diari Segre Comarcal e vicepresidente da Asociación Catalá da Prensa Comarcal, Xavier Domingo Serra, socio-director de Mortensen e Sorensen AI e representante de AMIC, Paulo Gamallo, catedrático da USC e investigador do proxecto Nós, Iván Iglesias, director de ‘OUKE!’, e Rebeca Munín, directora da revista ‘Pincha’ e vicepresidenta de AMEGA. A inauguración correrá a cargo do presidente de AMEGA, Fernando Paz, e a concelleira de Artes e Festexos do Concell de Ourense, Noa Rouco, mentres que o icepresidente 2º da Deputación de Ourense, e de Valentín García, secretario xeral da Lingua, César Fernández, será o encargado de clausurar o acto. Ademais, ao remate, os asistentes poderán gozar de petiscos no propio Liceo.

A celebración seguirá pola noite, a partir das 21:00 horas cunha gran foliada na Praza de San Martiño, que reunirá a destacadas agrupacións da música tradicional ourensá, como A Galleira, A Cunheira, Feitizo de Pau, Escola Provincial de Danza-Castro Floxo e a Coral de Ruada.

Xa o sábado, terá lugar un roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal, con saída desde o Cemiterio de San Francisco e percorrido por diferentes espazos emblemáticos da cidade vinculados á súa figura. Esta actividade, organizada polo Consello da Cultura Galega, rematará cun cocido no Liceo de Ourense para o que haberá que inscribirse previamente no propio Liceo, no teléfono 988 220 650 ou no correo liceodeourense@hotmail.es.

A cita conta co apoio da Consellería de Cultura, a Deputación de Ourense e Concello de Ourense, e a colaboración do Consello da Cultura Galega, o Liceo de Ourense, OUKE!, Proxecto Nós, Tokikom, Premsa Comarcal e AMIC, entre outras entidades.

⚙ Configurar cookies
0.080988168716431