Ourense convértese esta fin de semana no epicentro do canto coral galego coa oitava edición de Ourencanto

OurenseXa
Máis de 300 nenos e mozos procedentes de coros infantís, xuvenís e escolares daranse cita na cidade entre o venres e o domingo
presentación-ourencanto
7 Apr 2026

A cidade de Ourense acollerá esta fin de semana a oitava edición de Ourencanto 2026, un encontro que reunirá máis de 300 nenos e mozos procedentes de coros infantís, xuvenís e escolares. A cita desenvolverase entre o venres 10 e o domingo 12 de abril e converterá a cidade nun referente do canto coral en Galicia durante estes días.

A presentación do evento tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ourense, nun acto no que participaron a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco, a directora técnica, Cristina Rodríguez, o produtor, Carlos Núñez, o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, e o director territorial da Consellería de Educación, Jorge Sampedro.

Os participantes, con idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos, compartirán tres xornadas de convivencia e formación musical, nas que combinarán aprendizaxe e práctica coral. O encontro culminará cun concerto final que terá lugar o domingo 12 de abril, ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal de Ourense.

O festival conta, desde a súa creación, coa dirección artística de Josu Elberdin, figura de recoñecido prestixio internacional, cuxo labor foi clave para a consolidación do proxecto ao longo das súas edicións. Nesta ocasión, tamén participará Javier Busto, referente da música coral contemporánea, con obras que xa foron estreada en anteriores edicións do certame.

Ourencanto preséntase como unha iniciativa pioneira que combina formación e música, e o seu modelo serviu de inspiración para proxectos similares tanto en España como en Hispanoamérica, consolidándose como un encontro de relevancia a nivel nacional e internacional.

0.15435385704041