Ourense dá a benvida aos 66 novos residentes que se incorporan nas tres áreas sanitarias

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras deu hoxe a benvida aos sesenta e seis novos residentes que se formarán como especialistas nos seus centros docentes, nas diferentes disciplinas médicas (MIR) de enfermería (EIR), farmacia (FIR), psicoloxía (PIR) e Microbioloxía, que acolle este ano ao seu primeiro residente.
Como ven sendo habitual a unidade docente con maior número de incorporacións é a Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, que aumenta ata os 26 residentes: vinteún de medicina e cinco de enfermaría, o que supón un importante incremento respecto a cursos anteriores.
Séguelle a Unidade Multiprofesional de Saúde Mental, que suma nove residentes: tres en psiquiatría, tres en enfermaría especializada e tres en psicoloxía clínica.
En canto á formación médica, este curso incorpóranse cuarenta e nove MIR. As especialidades con máis incorporacións son Medicina Familiar e Comunitaria, con vinteun, e Anestesioloxía e Reanimación, Pediatría e Psiquiatría, con tres residentes cada unha. Seguidamente con dous Radiodiagnóstico, Anestesia e Reanimación e Medicina Interna.
Con un residente por especialidade Cirurxía Xeral, Aparello Dixestivo, Hematoloxía e Hematoterapia, Medicina Intensiva, Nefroloxía, Pneumoloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Otorrinolaringoloxía, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Medicina do Traballo, Uroloxía, e Dermatoloxía. Entre os facultativos completa esta nova promoción un residente de farmacia hospitalaria (FIR) e outro de Microbioloxía.
Á formación especializada de enfermaría este ano incorpóranse 13 residentes EIR, distribuídos entre as especialidades de Enfermaría Familiar e Comunitaria, Saúde Mental, Pediatría e Obstetricia-Xinecoloxía.
Os novos residentes foron recibidos nun acto institucional celebrado esta mañá, no que participou o director asistencial, Eloy Sánchez, xunto ao presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata e o xefe de estudos da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, Luis González. Tamén asistiron titores e compañeiros residentes dos servizos docentes. Tras o acto de benvida tivo lugar a elección de titores por parte dos novos MIR e EIR de Familia
A Área Sanitaria de Ourense conta cunha longa traxectoria na formación sanitaria especializada, con máis de 40 anos de experiencia na formación MIR e, desde 1991, tamén en Medicina Familiar e Comunitaria. Este labor formativo foise ampliando ano tras ano coa incorporación de novas especialidades médicas e de enfermaría.
Esta formación non sería posible sen a figura dos titores e titoras, profesionais de referencia para os residentes, que desenvolven unha labor esencial para o sistema sanitario público, de xeito totalmente vocacional e altruista, e os acompañan ao longo de todo o seu proceso formativo, tanto na parte asistencial como na teórica.
Durante o acto, os novos residentes recibiron as súas acreditacións como especialistas en formación, xunto cun documento de acollida e unha guía rápida co itinerario básico e información útil sobre o funcionamento da Área Sanitaria e do Hospital Universitario de Ourense, onde a maioría iniciará a súa formación.
A duración da residencia varía segundo a especialidade: dous anos para enfermaría, catro anos para farmacia e psicoloxía, e entre catro e cinco anos para as distintas especialidades médicas, como Cirurxía, Medicina Interna, Medicina Intensiva ou Oncoloxía.