Ourense e Pontevedra avanzan nunha candidatura conxunta a un programa europeo para crear corredores verdes

As deputacións de Ourense e Pontevedra están a estudar a posibilidade de presentar unha candidatura conxunta á convocatoria de 2026 do programa europeo LIFE, centrada na creación de corredores verdes nas áreas transfronteirizas con Portugal. A proposta foi abordada nun encontro celebrado no Pazo Provincial de Ourense, no que participaron o deputado de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, José María Lago, e o deputado de Fondos Europeos da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, acompañados por persoal técnico das unidades de fondos europeos de ambas institucións.
José María Lago destacou o avance que está a ter a colaboración entre ambas deputacións, sinalando que tras varias reunións, “comezan a tomar corpo as propostas que viñamos analizando”. Trátase da terceira xuntanza, despois dunha primeira toma de contacto en febreiro e unha segunda a mediados de xullo.
Pola súa parte, Javier Tourís subliñou que estes encontros están a permitir asentar as bases para traballar conxuntamente en proxectos que considera “estratéxicos en novas alternativas de mobilidade sostible e iniciativas que afonden no respecto ao medio ambiente”.
A candidatura conxunta ao programa LIFE tería como eixo principal a creación de sendas verdes nas zonas próximas ao río Miño e á Raia Seca, no límite con Portugal. Este programa da UE, activo desde 1992, ofrece financiamento para proxectos ambientais e de acción polo clima, incluíndo actuacións que transformen camiños existentes en infraestruturas verdes.
Ademais desta iniciativa, na reunión tamén se avaliaron outras posibles liñas de colaboración en áreas como a mobilidade e a accesibilidade. Tamén se abordou a cooperación coas AECT (Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial), concretamente coa de Raia Seca e Gerês-Xurés, da que forma parte a Deputación de Ourense, e coa do Río Miño, na que participa a Deputación de Pontevedra.