A primeira beneficiaria do programa EmprendOU en feminino recibe a 'tarxeta 8-M'

OurenseXa
Coa posta en marcha deste programa, a Deputación apoia as iniciativas das mulleres de menos de 30 anos que creen unha empresa en concellos de menos de 10.000 habitantes, é dicir, en 88 dos 92 municipios ourensáns.
Entrega da primeira Tarxeta 8M da Deputación
Entrega da primeira Tarxeta 8M da Deputación de Ourense
3 Xuño 2024

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, fixo entrega esta mañá no Pazo Provincial, da “tarxeta 8M”, dotada con 1.134 euros, á primeira beneficiaria do programa “EmprendOU en feminino–8M” co que a institución provincial promove o emprendemento feminino en zonas rurais da provincia.

Coa posta en marcha deste programa, a Deputación apoia as iniciativas das mulleres de menos de 30 anos que creen unha empresa en concellos de menos de 10.000 habitantes, é dicir, en 88 dos 92 municipios ourensáns.

Noelia González, de Xinzo de Limia, é a primeira emprendedora beneficiaria da “tarxeta 8M” da Deputación que destinará a súa empresa de organización de eventos consistente no deseño, produción e planificación de congresos, festivais, cerimonias, feiras e convención”. Neste sentido, Noelia González explica que está a colaborar “con empresas de primeiro nivel do sector a nivel nacional, fabricantes de estruturas para a creación de eventos temáticos, de alimentación e de artesanía”.

Coa entrega desta primeira “tarxeta 8M”, “demostramos que as políticas de igualdade e de reto demográfico son unha prioridade para este goberno provincial”, dixo Luis Menor, quen felicitou a Noelia González por “poñer en marcha un novo proxecto que contribúe a camiñar xuntos na transformación da sociedade cara unha crecente igualdade emprendedora no rural”.

O presidente provincial tamén aproveitou para destacar a “celeridade” coa que se tramita esta axuda, xa que tan só pasaron 11 días desde que a emprendedora completou toda a información requirida para solicitar dita axuda ata que a recibiu. “Un compromiso que adquirimos cando lanzamos este programa de facilitar os trámites administrativos e axilizar a posta en marcha do seu proxecto empresaria”, lembrou Luis Menor.

O obxectivo de Noelia González é “crear eventos onde a xente poida gozar un rato agradable e nos que poidamos dar a coñecera nosa cultura a tódolos visitantes, en Galicia e no resto de España”. Por elo, agradeceu á Deputación esta axuda e animou á institución provincial a continuar “con esta liña de actuación tan necesaria para a mocidade para que, coma min, poidan realizarse profesionalmente”.

Esta tarxeta moedeiro está dotada cun saldo de 1.134 euros -que é o importe do Salario Mínimo Interprofesional-, e é compatible ao 100% coa axuda autonómica que apoia ás persoas desempregadas no inicio da actividade e no mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e coa axuda de tarifa plana da Seguridade Social que contribúe a sufragar os gastos de mantemento da actividade por conta propia das persoas desempregadas que se inician como traballadoras autónomas.

0.21108198165894