Ourense entrega os premios do Concurso de Pinchos de 2025

O Concello de Ourense entregou onte á noite os premios do Concurso de Pinchos 2025, un certame que se desenvolveu do 13 ao 21 de xuño e contou coa participación de 43 establecementos de hostalaría da cidade, que presentaron un total de 51 propostas culinarias.
O acto de entrega tivo lugar nos exteriores do Pavillón dos Remedios, no marco da programación de actividades das Festas de Ourense, e contou coa participación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a concelleira de Turismo, Noa Rouco, e representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras. Nesta edición, por primeira vez, o concurso entregou premios económicos, cunha dotación total de 6.400 euros.
Na categoría de pincho de innovación, o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, foi para Bágoa Gastrobar co seu pincho B24. O segundo premio (1.000 euros) foi para La Zapatería del Abuelo, polo seu pincho Apagón, mentres que o terceiro premio (500 euros) recaeu en Portovello, polo pincho Miño.
Na categoría de pincho clásico, o primeiro premio (1.500 euros) foi para O Barallete, polo seu pincho Barallete; o segundo premio (1.000 euros) foi para Bar Orellas, con Mesturada, e o terceiro (500 euros) para Kaleido Cocina Creativa, co seu pincho Croqueta de mexillón.
O premio ao mellor pincho apto para persoas celíacas, dotado con 400 euros, foi para Na Brasa, polo seu pincho Umami Nordés.
O Concello agradeceu a implicación dos patrocinadores principais –Aceites Abril, Grupo Coren, Estrella Galicia e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro– e a colaboración de diferentes entidades e empresas locais que contribuíron ao sorteo de produtos e experiencias entre o público asistente: Asociación de Celíacos de Galicia, Restaurante A Taberna, Restaurante Atarazana, Burgas Natural, Caldaria, Equilibrium, EquipHotel, Fina Rey, Queixos Feijoo, Adega Joaquín Rebolledo, Adega Outeiro da Barra, Parador de Santo Estevo, Povarelo, Santórum e Suárez Cake.