Ourense entregou os premios de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo

A Deputación de Ourense entregou o Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que na súa trixésimo cuarta edición acordou conceder o galardón honorífico á traxectoria profesional á xornalista ourensá Fernanda Tabarés Domínguez, “como figura indispensable do xornalismo galego contemporáneo” e por visualizar o “papel fundamental das mulleres na comunicación”. O fallo outorgou o premio a mellor traballo xornalístico, dotado con 4.000 euros, ao xornalista ourensán Alfonso Cid, polo seu traballo sobre a historia das mulleres que axudaron a máis de 200 crianzas no Casco Vello. A reporteira Úrsula Lorenzo e o cámara Andrés Vilela, de Antena 3, recolleron o accésit de 1.000 euros por unha peza sobre as enfermeiras rurais.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou no acto de entrega celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o “xornalismo en maiúsculas” e os “valores dos profesionais dos medios de comunicación, fronte ao que non é a auténtica noticia”.
Luis Menor tamén fixo referencia á relación entre os xornalistas e os responsables de administracións e os políticos, lembrando que “non hai xornalismo incómodo cando a crítica se presenta en termos de profesionalidade”. Tamén reivindicou o papel dos xornalistas: “Eu e a Deputación si cremos nos medios de comunicación”, dixo.
Os premiados reivindican as historias
A xornalista Úrsula Cid, acompañada do cámara Andrés Vilela, foi a primeira en recoller o seu accésit, entregado polo director da área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez. A reporteira galardoada puxo en valor o “xornalismo de historias, porque as historias que poden parecer pequenas e non o son, ás veces cústalles máis ter o seu momento”.
A continuación, o presidente provincial fíxolle entrega a Alfonso Cid do diploma a mellor traballo. O profesional de Radio Liverdade explicou como concibiu a historia de Obdulia Díaz e a súa filla, Lola Nóvoa, protagonistas da súa peza premiada sobre o labor destas mulleres na crianza de nenos en Ourense, a maioría fillos de prostitutas. Cid defendeu a radio “comunitaria, aberta, ambulante e ceibe de ataduras”, así como a “información veraz e a liberdade”.
Por último, Menor entregoulle á ourensá Fernanda Tabarés o galardón honorífico á traxectoria profesional, á que tildou de “xornalista de raza, que defende a Ourense por riba de todo”. A premiada lembrou emocionada as súas raíces en Ourense, onde tamén comezou a súa andadura profesional na delegación de La Voz de Galicia. Tamén tivo unhas palabras de agarimo para o falecido Xosé Aurelio Carracedo.
Tabarés referiuse á “emoción inexplicable” que lle supón a palabra “xornalista” e á súa “nostalxia de ser de Ourense”; “nostalxia”, dixo, que lle apareceu cando recibiu a chamada na que Menor lle comunicou o premio. “Viva Carracedo, viva Ourense e viva o xornalismo”, engadiu.
No acto participou o sobriño do xornalista que leva o nome do premio. Miguel Jiménez falou do “xornalismo libre” e do legado de seu tío.
Membros do xurado
O xurado do XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo estivo presidido polo vicepresidente 2º da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, e como vogais Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; Abelardo Vázquez, en representación do Colexio de Xornalistas de Galicia; e Camila Riquelme-Brevis pola Asociación de Xornalistas de Santiago, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), actuando como secretario o asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, Alberto Carnero.
Notas biográficas dos premiados
Fernanda Tabarés Domínguez (Ourense, 1968), licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, empezou a súa carreira profesional na delegación de La Voz de Galicia en Ourense. Foi delegada deste xornal no Ribeiro-O Carballiño e en Vigo e xefa de Sociedade e Cultura; xefa de Sociedade e Cultura en Diario 16; directora de V Televisión e directora e presentadora do programa Vía V; premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora. Nestes momentos dirixe a productora Voz Audiovisual, dende a que foi produtora executiva de series como Néboa, Viradeira, Saudade de ti, Método criminal ou A Lei de Santos e de programas como Buscadores de naufraxios, Historias de aquí ou Salvaxe, recoñocidos tamén con varios premios. En 1990 exerceu de asistente de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego da Información; profesora de Comunicación Empresarial na Universidade da Coruña e preside a sociedade Pedralonga Estudios que xestionará un complexo de platós dixitais e físicos na Cidade das TIC da Coruña, na antiga Fábrica de Armas.
Alfonso Cid González (Ourense, 1959) iniciou a súa traxectoria no mundo da comunicación a mediados dos anos 80 en Radio Ourense SER, colaborando ademais no xornal Faro de Vigo. En 1990 incorpórase á Radio Galega, ademais de traballar tamén en TVG. Colabora con La Voz de Galicia na cobertura especial da última fase do conflito pola construción do encoro do Lindoso na Baixa Limia, un tema que na súa vertente radiofónica mereceu o IV Premio Xosé Aurelio Carracedo en 1992. Tralo seu retiro en 2024 enfoca a súa vocación xornalística o relanzamento de Radio Liverdade, radio libre e comunitaria ourensá que funciona na rede dende 2017.
Úrsula Lorenzo Ruibal (Barro, Pontevedra, 1986) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a súa traxectoria na información local nas Rías Baixas. Desde 2017 é reporteira en Antena 3 Noticias na delegación de Galicia, contando a actualidade galega para toda España. Desde o rigor, cre na empatía como o mellor método para chegar ao fondo das historias, ao tempo que defende o traballo en equipo. Andrés Vilela Aneiros (Cedeira, A Coruña, 1969) estudou Imaxe e Son en Bemposta (Ourense) e Someso (A Coruña). En Antena 3 desde 1997, foi testemuña coa súa cámara de momentos relevantes e históricos en Galicia como o caso do Prestige.