Ourense esixirá á Xunta o mantenmento do canon que os concellos pagan a Sogama

OurenseXa
Coa abstención do PP e o voto favorable do PSOE e do BNG, a Deputación esixirá da Xunta o mantemento do canon actual
Contedores
25 Xul 2024

O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE acadou o acordo do Pleno da Deputación de Ourense para ver de “paralizar de xeito urxente” a suba do canon que pagan os concellos adscritos á Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) e a prol da adopción de novas fórmulas de xestión de residuos “menos obsoletas e máis respectuosas coa nosa entorna”. Coa abstención do PP e o voto favorable do BNG, a instancia provincial esixirá á Xunta de Galicia o mantemento do canon actual, que é de 66 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada, salvagardandado a bonificación do 15%, resultando un monto de 56,10 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada.

“A Consellería de Medio Ambiente e Sogama teñen imputado o incremento a sobrecustos derivados de impostos estatais, cando a realidade é que a suba está directamente relacionada coa obsoleta xestión que Sogama fai dos residuos, non tendo mudado un ápice o modo en que trata os refugallos desde 2010, malia as continuadas advertencias”, afirmou a deputada socialista Elvira Lama. O consello de administración de Sogama aprobou o 25 de xuño unha “actualización do canón” que factura a 295 concellos galegos pola xestión do lixo, pasando de cobrar 66,01 euros por tonelada recollida a 78 euros por tonelada no vindeiro exercicio 2025, co prexuízo que isto implica para os concellos ourensáns.

Cara o cambio de modelo

Segundo Lama, “nin a Xunta nin Sogama están a respectar as recomendacións europeas no referente á xestión de residuos, que é o que redunda no incremento no pagamento das taxas que, doutra banda, son recadadas pola propia Xunta de Galicia, xa que é un imposto transferido, precisamente á propia demanda do noso goberno autonómico”. Nesta liña, os socialistas evidenciaron que a planta de Sogama en Cerceda afronta millonarios sobrecustos por mor de privilexiar a incineración (60%) e o soterramento (21%), que son as fórmulas menos sustentábeis ambientalmente, que é o que precisamente grava a nova lexislación española, que foi adoptada para adecuarse ás directivas comunitarias na materia.

“Faise necesario traballar arreo sobre o modelo de xestión de residuos de Galicia”, sostivo a deputada socialista. Efectivamente, tal e como coincidiron os voceiros popular e nacionalista, o modo de xestión dos ciscallos é cada vez máis cuestionado. A comunidade galega, que acada unha cota de reciclaxe dun 22,5%, está moi lonxe do 50% que Bruxelas se marcou como obxectivo para 2020, que si acadan atinxen territorios como A Rioxa (65%), Cataluña (55%) e País Vasco (54%). “A Xunta de Galicia ten unha moi mala política medioambiental, o cal ten un impacto directo na nosa entorna e, agora tamén, economicamente, nas maltreitas finanzas dos nosos concellos, sendo imperioso e urxente un cambio de modelo na xestión de residuos”, sentenza Lama.

0.1994309425354