Ourense homenaxea a Alexandre Bóveda no 122 aniversario do seu nacemento

O Concello de Ourense rendeulle homenaxe un ano máis ao político e intelectual ourensán Alexandre Bóveda, no 122 aniversario do seu nacemento, nun acto institucional fronte á súa casa natal, na rúa da Barreira, no que participaron representantes de todos os grupos políticos municipais (DO, PP, PSdeG_PSOE e BNG), da Deputación Provincial de Ourense e da Fundación Alexandre Bóveda.
A concelleira do goberno municipal Tamara Silva gabou a importancia da figura de Bóveda, “insigne fillo da nosa cidade e mártir do galeguismo”, lembrando “o afán que marcou a súa vida, que non foi outro que a loita polo que entendeu mellor para Galicia e para as súas xentes”.
“A mellor homenaxe que podemos facer á sua figura é converter simbolicamente o seu sangue de mártir no zume da árbore da Democracia. Árbore cuxas pólas son a liberdade de pensamento, a igualdade entre as persoas, a verdadeira xustiza, a tolerancia ante as diferentes opinións, a pluralidade natural das ideas, a supremacía do diálogo sobre o enfrontamento armado. Valores que Alexandre Bóveda defendeu de xeito coherente e por cuxa defensa pagou por desgracia coa súa vida”, manifestou Silva Cid.
“Inspirados polo seu exemplo, continuou a edila, debemos esmerarnos no pulo e na permanencia deses valores, especialmente aqueles que ostentemos responsabilidades políticas e sociais de toda índole. E moi especialmente nestes tempos en que a nivel mundial corren ventos de enfrontamentos internacionais de tipo bélico e de tipo económico que poderían ser caldo de cultivo para a aparición de réximes totalitarios que serían especialmente perigosos para a democracia. Réximes que poderían usar para os seus ditatoriais fins os avances tecnolóxicos do noso tempo”.
“A morte de Bóveda móstranos que os valores demócratas non nacen nin se manteñen de xeito espontáneo, senón que debemos alentalos cada día, pois o seu descoido promove rapidamente os seus antagónicos”, aseverou a concelleira do goberno municipal. Tamara Silva engadiu que na figura de Bóveda “honramos tamén a todas as persoas que en maior ou menor grao sufriron de xeito semellante, naquela altura da historia do noso país e na ditadura posterior, a persecución, a represión, o desterro, e mesmo a morte na defensa das súas ideas”.
Pola súa banda, o secretario da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez Rei expresou a satisfacción da entidade porque se siga a organizar “un acto de tal importancia como o que hoxe nos reúne. Celebrar a Bóveda é celebrar a democracia e outros valores como a defensa do territorio ou a defensa da democracia mesma, coa súa vida, como foi o caso de Bóveda”, asegurou.
“Homenaxear a Bóveda é homenaxear a todas as persoas represaliadas polo réxime ditatorial que foi o franquismo en España e celebrar que gozamos duns dereitos e dunhas liberdades que poden verse minguadas en calquera momento”, manifestou.
O acto continuou coa tradicional ofrenda floral fronte á escultura que lembra a Alexandre Bóveda, obra de Buciños, acompañada da interpretación do himno galego, por parte da agrupación Redegaita.