Ourense homenaxea a Marisol Nóvoa coa entrega, a título póstumo, do XX Premio Clara Campoamor

GaliciaXa | OurenseXa
O galardón foi concedido á empresaria e avogada ourensá en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu compromiso coa igualdade.
entrega-premio-clara-campoamor
26 Mar 2026

O Concello de Ourense entregou este mércores o XX Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades nun acto celebrado na Sala Valente, dentro da programación conmemorativa do 8-M, Día Internacional das Mulleres. O galardón foi concedido a título póstumo á empresaria e avogada ourensá Marisol Nóvoa Rodríguez, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu compromiso coa igualdade.

A decisión fora adoptada polo xurado o pasado 3 de febreiro, destacando a figura de Nóvoa como un “exemplo de compromiso, solvencia profesional e vocación de servizo público desde o tecido empresarial”. Así mesmo, púxose en valor a súa achega “decisiva á normalización da presenza feminina en órganos de dirección ocupados tradicionalmente por homes”.

No acto participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a concelleira de Igualdade, Noa Rouco, membros da Corporación municipal e familiares da homenaxeada. Foi a súa sobriña, Lara Ferradás Nóvoa, quen recolleu o premio.

Durante a súa intervención, o rexedor salientou a relevancia do papel desempeñado por Nóvoa, subliñando que “o seu paso pola presidencia da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) non foi só un fito local. Foi unha mensaxe a toda España. Marisol foi das primeiras mulleres no noso país en pórse á fronte dunha organización empresarial, demostrando que o liderado non entende de xéneros senón de capacidade e de visión”.

0.12937688827515