Ourense impulsa a dixitalización do ciclo da auga a través do programa “OU-Intelixente: A Provincia da Auga”

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, inaugurou esta mañá a xornada técnica do proxecto “OU-Intelixente: A Provincia da Auga”, que busca modernizar e dixitalizar a xestión da auga na provincia. Esta iniciativa foi a mellor valorada en Galicia e a segunda a nivel estatal na primeira convocatoria do PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) de dixitalización do ciclo da auga, promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).
Trátase dun “proxecto estratéxico para garantir unha xestión máis eficiente, segura e sostible dun recurso esencial como é a auga, especialmente nun territorio caracterizado pola dispersión municipal e pola necesidade de modernizar infraestruturas”, subliñou o presidente provincial, que explicou que “este proxecto permitirá que os municipios pequenos conten cos mesmos recursos tecnolóxicos que os grandes, garantindo igualdade territorial e un servizo público máis moderno e eficaz”.
Con un investimento superior aos 13 millóns de euros (16,3 millóns con IVE), financiados en gran parte polo MITECO e a Deputación, “OU-Intelixente” baséase nun modelo de cooperación público-privada para incorporar tecnoloxías avanzadas na captación, abastecemento e depuración da auga. Entre as accións previstas destaca a implantación da telelectura domiciliaria, coa instalación do 73 % dos contadores intelixentes previstos (48.000 unidades), a dixitalización de infraestruturas en máis de 50 municipios e a creación do Centro Intelixente para a Xestión Provincial da Auga – AquaOU.
Durante a xornada, o director de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe, e o xerente de AquaOurense, Víctor Comesaña, presentaron os avances do proxecto, que xa completou o 90 % das contratacións e conta cun equipo técnico especializado. “OU-Intelixente” permite monitorizar en tempo real infraestruturas clave como depuradoras, bombeos e puntos de captación, ademais de contar con sistemas pioneiros para o control de blooms algais no encoro das Conchas.
Víctor Comesaña destacou que esta dixitalización supón “unha das transformacións máis importantes na xestión hídrica en Ourense”, que permitirá anticiparse ás necesidades, mellorar a eficiencia e garantir un servizo máis seguro e transparente. Así mesmo, a plataforma dixital presentada hoxe será “o corazón tecnolóxico da xestión da auga na provincia”.
O proxecto, sinalan desde a Deputación, avanza conforme ao calendario previsto, coa intención de completar todas as actuacións durante o primeiro semestre de 2026. Ademais, “OU-Intelixente” consolídase como un modelo replicable para outras provincias con características similares, situando a Ourense como referente en innovación e sostibilidade na xestión da auga.