Ourense impulsa novas ideas para un turismo sustentable e accesible no Hackathon de Turismo Intelixente

Ourense celebrou este sábado, 25 de outubro, a xornada final do Hackathon de Turismo Policéntrico Intelixente, unha iniciativa que pecha con balance moi positivo tras reunir equipos multidisciplinares dedicados a idear solucións innovadoras para un modelo turístico máis sustentable, inclusivo e accesible na provincia.
O proxecto, enmarcado no programa europeo POST (Polycentric Sustainable Tourism), buscou fomentar novas propostas que contribúan a un turismo responsable e conectado coa realidade local. O deputado de Innovación, Jorge Pumar, destacou que a Deputación de Ourense continuará traballando na implantación das mellores ideas xurdidas neste encontro, “para consolidar a provincia como un destino máis diverso, accesible e respectuoso co medio ambiente”.
Durante o evento, os participantes abordaron retos vinculados ás principais áreas de transformación do sector turístico, como as rutas intelixentes, a gamificación cultural e rural, a mobilidade verde, a resiliencia fronte ao cambio climático ou os pasaportes territoriais con recompensas.
Os equipos empregaron metodoloxías áxiles como o Design Thinking e ferramentas colaborativas dixitais para deseñar e validar as súas propostas, contando coa orientación de mentores especializados.
Os proxectos gañadores desta edición foron o equipo “Pegadas con eco”, polo seu traballo sobre rutas intelixentes e multiexperiencia; “Rebrota”, centrado na resiliencia climática e a recuperación da paisaxe; e “Ourense Explora”, coa súa proposta de pasaportes territoriais e recompensas.
A xornada concluíu cunha presentación final ante un xurado composto por representantes do sector turístico e autoridades institucionais, que valoraron a innovación, viabilidade e potencial de adaptación das iniciativas.
Con este hackathon, Ourense reafirma o seu compromiso cun modelo de turismo sostible e intelixente, baseado na colaboración e na innovación como motores de desenvolvemento territorial.